Blog |

Brie Larson

SERÁ A vindeira Capitana Marvel e o ano pasado, por estas datas, gañou un Oscar de Hollywood por interpretar unha sobreviviente dunha violación na película ‘'Room'’. Este domingo, a actriz Brie Larson celebrou como propio o premio da súa amiga Emma Stone, que no seu vestido dourado levaba unha insignia de Planned Parenthood, unha organización que desde hai máis dun século traballa pola saúde reprodutiva e polo dereito ao aborto.

A Brie Larson, ademais, tocoulle na gala do domingo o cometido de entregarlle o seu galardón ao merecedor da estauíña ao mellor actor protagonista, que recaeu en Casey Affleck polo seu traballo en ‘'Manchester á beira do mar'’.

O máis novo do clan Affleck fora acusado en 2010 de acoso sexual por unha produtora e unha directora de fotografía coas que filmara un falso documental sobre o tamén actor Joaquin Phoenix. Affleck forzou un acordo do que se descoñecen os termos para evitar a exposición pública do xuízo.

Non semella que sequera a sospeita lle teña pasado factura a Casey Affleck. Cando formas parte da aristocracia de Hollywood e es irmán de Batman e amigo de Jason Bourne a cousa adoita ser máis sinxela. Sábeno Woody Allen ou Roman Polanski.

Por iso son tan de agradecer disidencias como as de Brie Larson. O seu xesto de desagrado. A súa decisión de non aplaudir mentres Casey Affleck erguía o seu Oscar.

Comentarios