Viernes. 14.12.2018 |
El tiempo
Viernes. 14.12.2018
El tiempo

Celeste dos cravos

A muller que lle puxo nome á revolución portuguesa é unha anciá de case 85 anos, filla dunha inmigrante galega e vive cunha pensión de 370 euros ao mes

Sempre abril
Sempre abril

NUNCA DEI arrombado unha casiña en Blogaliza. Foi un de tantos propósitos que me marquei nestes últimos quince anos e que, como tantos outros, quedarán para sempre na caixiña de asuntos pendentes. Blogaliza chegou a acubillar 28.000 bitácoras en galego, que se di axiña, e pechou onte, 25 de abril, a súa actividade. 

Todo ese tempo que mirei polo buratiño do blogomillo sen ser quen de me animar a petar na porta, puiden, por exemplo, ter escrito unha entrada coa historia de Celeste Martins Caeiro —unha de tantas mulleres borradas dos rexistros—, coa esperanza de que lles gustase aos de Chuza!

Celeste Caeiro, a Celeste dos cravos, foi a primeira persoa que lle deu como agasallo un caravel a un soldado aquel 25 de abril de 1974. Hoxe é unha anciá anónima de case oitenta e cinco anos. En 2014, asidua ás manifestacións antiausteridade contra a troika, contaba que vivía dunha pensión de 370 euros ao mes.

Celeste Caeiro foi a máis nova das fillas da galega Teodora de Viana Martins Caeiro, a quen os camiños da emigración levaron ao Alentejo e despois a Lisboa, onde o pai das criaturas a abandonaría. A meniña Celeste entrou en casas pías e institucións semellantes con 18 meses. Traballou nunha fábrica de camisas, no Café Patinhas e na boîte Marygold, na Rúa do Sol ao Rato, un lugar que sinalaban como niño de fumadores de opio e homosexuais. Deu cun mal home que a maltratou e foi desafiauzada, pero tamén foi quen de se arrepoñer unha e outra vez e de recuperar a nai perdida na primeira infancia.

Celeste traballaba en 1974 no bengaleiro —o roupeiro, pero canto máis bonito o nome lisboeta— dun dos primeiros restaurantes de autoservizo de Portugal, no Franjinhas da Rua Braamcamp. Os seus xefes querían flores por celebrarse o primeiro aniversario do local. Flores para as damas e unha copiña de porto para os cabaleiros, como debe ser. Escolleran caraveis brancos e vermellos, de tempada, na Ribeira. Celeste foi traballar como se non tivese soado na radio Grândola, vila morena.

Dixéronlles a ela e ás compañeiras que volvesen para á casa, que estaba por estoupar unha revolución, pero que levasen os caraveis, que se habían estragar alí mentres os rebeldes facían as rebeldías.

Un soldado da Praça de Dom Pedro V pediulle un pito. Ela nunca fumou. No canto do cigarro, deulle un cravo

Celeste, militante comunista, non foi dereita para o cuarto que tiña alugado na Rúa do Sacramento, onde vivía coa súa nai e a súa filla. Se era certo que había unha revolución, ela quería velo cos seus ollos hipermétropes, a través do groso cristal das súas gafas.

En Capitãs de abril, a xornalista Ana Sofia Fonseca relata como ao chegar ao Rossio, cunha brazada de caraveis, Celeste viu tanques de guerra á altura da Tabacaría Caravela. Un daqueles soldados da Praça de Dom Pedro V pediulle un pito. Ela nunca fumou. No canto do cigarro, deulle ao mozo do carro de combate un cravo vermello, que el colocou no bico da súa espingarda. 

Despois daquel repartiría todos os caraveis que levaba. Un a un. O xesto bautizou a revolución por sempre xamais, pero a Celeste deulle apuro reivindicar o seu magnífico atentado contra o estado vello do salazarismo. Foron as súas compañeiras quen descubriron o seu acto de insubordinación na revista Crónica Feminina. 

Celeste Caeiro tivo cravos vermellos nas fiestras da casa da Rúa do Sacramento ata que o incendio do Chiado de 1988 a deixou só coa bata que vestía. Nunca o contarei na miña bitácora de Blogaliza.

Celeste dos cravos
Comentarios