sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

Información de provincias

QUE PECHEN ao tránsito a Gran Vía de Madrid é unha información local. Que chova/neve/baixe a néboa en Madrid é unha información local. Que haxa retrasos no metro de Madrid e que se produzan atascos nas entradas a Madrid son informacións tan locais como as que pescudan se as luces de Nadal de Santiago son máis cutres cás de Vigo ou Ourense. Que os medios de comunicación as publiquen ou emitan nas súas seccións de España (ou Galicia) non converte estas novas nalgo diferente de novas locais.

Levamos uns días de informativos —chamémoslle estatais, algúns dirán nacionais— nos que ás señoras de provincias nos enche xa un pouco o da peonización navideña imposta por Manuela Carmena no quilómetro cero do Estado español das autonomías e das comunidades de veciños. Ás que facemos noticias de provincias en medios locais —a moita honra, ademais— todo isto sóanos un pouco a vello. Así como da década dos noventa, cando nas cidades galegas os alcaldes comezaron a decatarse de que iso de andar co coche por segundo que sitios era un atraso.

É ver no telexornal as señoras de copete e os señores entraxados a falar de canto perden os comercios porque a xente pasee pola Gran Vía de Madrid no canto de pasar co seu vehículo particular e lembrar os noticiarios de hai máis de vinte anos, inzados doutros señores e señoras —con fonética heptavocálica, iso si— que falaban da ruína absoluta que se aveciñaba sen coches dentro de murallas.

Recordo, asemade, todos aqueles pais e nais de alumnos dalgúns colexios céntricos fóra de si hai uns poucos anos, cando se pechou ao tráfico o único treito da Ronda da Muralla do que podemos gozar os peóns, e as queixas máis recentes ao decidir o Concello—bendita ousadía— que un monumento como a ponte romana mellor estaba amañado e sen coches en ambos os dous sentidos de circulación.

Coa experiencia atesourada durante algún tempo, as xornalistas de provincias poderiamos facer de todólogas de debate de sábado á noite ou de xoves á mañá e trazar unhas análises fantásticas sobre o caos peonil madrileño, a choiva madrileña ou calquera outra cousa que aconteza en Madrid que xa pasara por aquí primeiro, que son moitas máis das que pensan.

Porque as xornalistas de provincias xa contamos aquelas protestas encirradas contra os espazos libres de automóbiles e xa comprobamos como pouco tempo despois as rúas peonís amosan mellor aspecto, exhiben terrazas e veladores e os nenos volven xogar nas prazas. Querería alguén volver ao que tiñamos primeiro?

Información de provincias
Comentarios
ç