Blog |

Por Marsha e Sylvia

O roubo dunha perruca nas rúas de Nova York nunha noite de Samaín de 1963 deu como froito unha desas amizades que pagan a pena

2018062915101835998
photo_camera 2018062915101836000

SYLVIA E MARSHA eran amigas desas que todas quixéramos ter. Coñecéronse no Samaín de 1963, cando alguén lle roubou a perruca a Marsha, que era seis anos máis vella ca Sylvia. A máis nova das mozas quedou abraiada da persecución que emprendeu Marsha polas rúas de Nova York para recuperar o seu cabelo postizo. Mellores amigas para sempre. 

Marsha e Sylvia tiveran infancias complicadas. A primeira, en New Jersey, na comunidade metodista que lle impoñía estreitas costuras á súa alma burbulleante. A segunda, como unha meniña orfa de once anos nas rúas. Marsha coidou de Sylvia e aprendeulle a sobrevivir. "É unha desas persoas que che daría o seu derradeiro dólar", escribiría Sylvia no seu diario.

Formaron parte de activismos diversos: polos dereitos civís e antirracistas, contra a guerra de Vietnam, en favor das mulleres e das persoas homosexuais

Sylvia e Marsha atoparon o seu sitio entre as troupés de travestis e drag queens que vivían nas marxes da sociedade estadounidense na década dos sesenta do século pasado. Formaron parte de activismos diversos: polos dereitos civís e antirracistas, contra a guerra de Vietnam, en favor das mulleres e das persoas homosexuais.

Estiveron a carón das Black Panthers e os Young Lords mentres sobrevivían nun mundo que as empurraba a elas e ás súas cara á marxinalidade e á prostitución para sobrevivir. Calculaba Marsha que ela fora detida alomenos un cento de veces e disparada nunha ocasión. 

Marsha e Sylvia atoparon un fogar desde o que facerse fortes no Stonewall Inn do Greenwich Village neoiorquino. Era un burato sen auga corrente no que os vasos se poñían a remollo nun balde ou directamente servíanse os cubatas nas copas sucias. Estaba rexentado pola mafia. Naquela altura, os locais que lles vendían bebidas alcólicas aos homosexuais eran considerados "casas de desorde". Fat Tony, un avispado herdeiro do clan dos Genovese, viu unha oportunidade de negocio e reabriu en 1966 o garigolo como bar gai. Había que investir en trabadas para o honorable corpo de policía da cidade de Nova York e cumpría sobrelevar os brotes de hepatite, pero aínda así saía rendible.

Sylvia e Marsha, mulleres trans, pobres, prostitutas, non brancas, foron as primeiras en iniciar a rebelión de Stonewall o 28 de xuño de 1969

Nalgún momento, o Stonewall comezou a ser frecuentado por mulleres e homes trans, lesbianas e todos aqueles que precisaban un refuxio dos binarismos constrictores. Na madrugada do 28 de xuño de 1969, unha redada serviu como detonante para a rebelión. Contra a persecución e a violencia policial. Contra a discriminación lexislativa e social. Sylvia e Marsha foron as primeiras.

Logo daquela data que resultou o xermolo das reivindicacións do Día do Orgullo LGTBI+, Marsha e Sylvia crearon colectivos como a Fronte de Liberación Gai e a organización Street Transvestite Action Revolutionaries (STAR), que comprou un edificio no que se fundou a STAR House, un acubillo para as persoas homosexuais e trans que non tiñan teito.

O conto de Sylvia e Marsha non ten un final feliz. Morreu Sylvia dun cancro hepático en 2002. En 1995 quixérase quitar a vida guindándose ao río Hudson, onde tres anos antes, en 1992, aparecera o corpo sen vida de Marsha, que pouco antes de morrer confesara que era seropositiva. Malia que o seu pasamento se investigara como un suicidio, Sylvia e as amigas de Marsha nunca creron a hipótese policial e hai uns anos conseguiron que se reabrise o caso.

Quizais saibamos pouco de Marsha e de Sylvia porque eran dúas mulleres trans, pobres, prostitutas, non brancas. De ascendencia venezolana e portorriqueña, Sylvia Rivera. Afroamericana, Marsha P. Johnson. Orgullo.

Comentarios