Blog |

Quadrophenia e calcomanías

DESDE HAI uns dez días cóntannos desde Madrid, A Coruña ou Santiago que Lugo é unha cidade sen lei atemorizada por unha banda de adolescentes violentos. O venres á mañá lin un artigo de La Voz de Asturias que falaba do Quadrophenia lucense, en relación á película de 1979 baseada na ópera rock de The Who que relata as leas entre mods e rockers no Reino Unido dos anos sesenta.

Os lugueses, que non nos enteramos do que pasa aquí e necesitamos a ollada National Geographic desde posicións menos periféricas, viviamos tan enganados entre néboas, guerras do polbo e caza de pokémons na Praza de Avilés que nin nos decatáramos de que tiñamos entre nós unha sorte de maras salvadoreñas, ñetas, toretes e vaquillas —todo xunto— de catorce anos.

De verdade que alguén ten a sensación de que Lugo é unha cidade violenta ou perigosa? Unha cidade máis agresiva agora que nos anos oitenta? Tanto nos sorprende unha palloscada ao saír da escola para erixilo en noticia de ámbito estatal?

"España dramatiza", dicía un dos supostos adolescentes presuntamente entrevistados nunha de tantas informacións.

Malia que o máis semellante aos Latin Kings que coñecemos por estas terras son los Lalín Kings dun monólogo que facía hai uns cantos anos o actor e cómico David Amor, cómpre non banalizar a violencia e identificala. E iso é algo que non se vai conseguir a forza de sensacionalismo, sobredimensionamento, espectacularización e culpabilización e exposición dos adolescentes como se fosen atraccións de feira.

Xa o din as asociacións de nais e pais: Lugo non é o Bronx. Nin sequera Orcasitas, Entrevías ou La Cañada Real de Valdemingómez en Madrid, nin Las Tres Mil Viviendas de Sevilla ou La Mina de Barcelona. E aínda diría máis, nin Caranza en Ferrol, Katanga e Korea na Coruña, nin tampouco Coia ou Cabral en Vigo. Afortunadamente. Nin falta que fai.

Non falo de mirar para outro lado. O que precisan estes casos —polo de agora, todo di que puntuais— é unha reflexión seria, que proceda das familias e da comunidade educativa. E protección dos menores. E evidenciar que perigoso é que os motivos aducidos para as pelexas sexan tan sempiternos e sexistas como o "es-que-ha-mirado-a-mi-novia" que perpetúa as condutas agresivas e machistas.

Todo o demais non é senón envalentonar e darlles ás a uns rapaces con calcomanías de tigres mercadas nunha franquicia danesa, que ao verse nos telexornais e nas portadas mesmo poden crer que son como o mesmísimo Brad Pitt en O club da loita.

Comentarios