Blog |

"Si, o pai de Manu"

Para as crianzas dos noventa, Mano Negra foi unha brúxula estética nun altermundo que puido ser e non foi nun tempo que nos derrotou

Mano Negra
photo_camera Mano Negra

NOS NOVENTA puideron pasar cousas e diluíronse todas en auga de castañas. Gañaron o sistema e a radiofórmula, que dirían os Gigatron. "¡Viva el mal, viva el capital!", citando á Bruja Avería. Talvez as culpas teñamos que procuralas en nós mesmas, nas persoas que nos fixemos adultas nese tempo, e non soubemos facelo mellor.

A década dos noventa resultou longa. Comezara en novembro de 1989, no efecto dominó que se extendeu sobre a Europa Comecon, e non rematou ata o 11 de setembro de 2001, o día no que comemos espaguetis diante do televisor mentres Matías Prats relataba un ataque terrorista contra o aparato dixestivo dos Estados Unidos.

No entanto, morte e destrución dos Balcáns e mísiles por petrodólares no golfo Pérsico. Cobi e Curro. Unha crise económica. O himno do Pelegrín de Montse e Luís Queimada. O fraguismo gaiteiro e as loitas fraticidas de boinas e birretes. A Logse. O Xabarín. Kurt Cobain e Bikini Kill. Os estertores do felipismo e as glorias do aznarato. Internet. O peiteado que compartían Sergio Dalma, Jose Mari Bakero e Javi Maneiro dos Heredeiros. Al salir de clase e Pratos combinados. Mareas vivas e Twin Peaks.

Naquel tempo de Bravú, de Ardi Beltza e subcomandante Marcos, de foros en Porto Alegre e revoltas en Seattle, de altermundo, de pensa-local-actúa-global, de kalimotxo nos parques, de Balas blancas de Barricada a soar nos 40 Principales, Rock no Camiño, Ortigueira e a Feira das Mentiras, agromaban as militancias. Preguntábanse os Def con Dos; "¿Cuántas mujeres al año saben que tienen los días contados?". Aínda se facían brincadeiras con que as estudantes iamos a Santiago a abrazar o nacionalismo –o periférico, non o outro– e volviamos falando galego. 

Nos noventa abrimos ollos e  orellas. Amparanoia, Sargento García, Fabulosos Cadillacs, Café Tacvba, Ratos de Porão, Molotov, Rage Against the Machine, Banda Bassotti, Hechos contra el Decoro. Ska-P e Estopa e ata Carlos Vives, Shakira e Ricky Martin. (Quen non teña bailado La vida loca debera poñerlle remedio).

Nos bastardizados noventa, Mano Negra eran brúxula estética. E, por riba, galegos recastados. Mesturaban linguas e quedaba ben, que en Eurovisión non sempre sucede. Contaba María Yáñez en Facebook que Out of Time Man foi o tema que máis reproduciu o seu discman. Non sei as veces que teño rebobinado os 149 segundos de Love and Hate cando me pegaba o mal de amores. Helena del Río, insultantemente máis nova ca María e ca min, sostén que nesta volta as seareiras do Lugo ben deitamos dos lugares felices: Pita, Seoane e Mala vida a todo dar no Anxo Carro.

Un domingo na redacción pasáronme unha chamada. Un emigrado chairego en Francia. Era unha tarde tranquila e aínda estivemos falando un pedazo. Do redeseño do xornal; do moito que lle gustaba lelo e como o conectaba coas súas orixes. A galeguidade na diáspora. Conteille a aquel señor de quen non sabía o nome que, aló no milenio pasado, unha parella da montaña de Lugo recoñecera a nosa fala nunha rúa de París. A muller preocupárase moito por se estabamos ben, se quedabamos en boa zona –Pigalle– e insistira un mundo ata que gardei no peto un papeliño cun enderezo. 

Ao chairego do outro lado da liña tívenlle que pedir as señas. Ramón Chao, díxome.

–Ramón Chao, de Radio Francia Internacional e Le Monde?

O meu primeiro pensamento non foi ese, amigas. Aínda vive en min a perroflauta noventeira orgullosa, pero parecíame unha falta de respecto recoñecer aquel home, músico, xornalista, biógrafo da Bella Otero e priscilianista, pola súa proxenie e non por si mesmo.

–Si, o pai de Manu. Sáeche aí un teléfono? Anótao. Por se volves a París e ves que che fai falta calquera cousa. 

Comentarios