Blog

A hora Lueiro

O acto de entrega do V Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey na súa terra natal de Fornelos de Montes serviu para subir un chanzo máis na súa reivindicación como protagonista dun futuro Día das Letras Galegas
Manuel Lueiro Rey en 1974. CAMILO GÓMEZ
photo_camera Manuel Lueiro Rey en 1974. CAMILO GÓMEZ

NA PASADA fin de semana celebrouse no Multiusos de Fornelos de Montes o acto de entrega do V Premio Manuel Lueiro Rey de xornalismo que caeu na figura de Ismael Ramos. Un día de celebración baixo o acubillo da veciñanza e do recordo vivo de quen naceu nese fermoso concello e que desenvolveu un afouto facer no eido da escrita.

Serviu este acto, sempre baixo o alento da súa mantedora, Carmen Carreiro, para escoitar, nas palabras do integrante e portavoz do xurado e, dende hai uns meses, membro da Real Academia Galega, Ramón Nicolás, a valoración desa figura tan esquecida nas nosas letras como foi a de Manuel Lueiro Rey e que, nas últimas décadas, dende o seu pasamento en 1990, alenta un singular movemento de apoio á súa figura ao que xa se coñece como a Causa Lueiro, na reclamación dun máis que merecido protagonismo e que, como a corrente dun vizoso río, desemboca na pregunta que estourou o pasado domingo na súa terra natal na boca do propio Ramón Nicolás: "Como é posible que a figura de Lueiro Rey non protagonizara, aínda, un Día das Letras Galegas?".

Unha pregunta que vén a poñer en hora o reloxo do necesario e obrigado recoñecemento a quen tanto nos achegou, dende o ámbito humano, cun irrenunciable compromiso coa persoa, e un labor literario dunha fasquía incontestable, que vai da novela á poesía, do relato breve ao xornalismo que, entre outros, desenvolveu cun bo monllo de artigos, neste Diario de Pontevedra, algúns deles con serias consecuencias persoais, pese ao seu traballo como funcionario de Facenda nesta capital.

Porén, a carón desa faciana autoral, sempre entendida como un xeito de reclamar a atención sobre o ser humano na procura desa dignidade esmagada despois da sublevación militar que el mesmo viviu como fuxido no 1936, e despois, ao longo da súa traxectoria persoal coa censura na caluga e varios interrogatorios sobre as súas actividades e amizades, atopamos outra alfaia nas súas posibilidades para que os que deciden esas cousas dos merecementos para acadar a designación do protagonista dun Día das Letras Galegas non deixen de tela en conta, como é o seu progresivo apego a nosa cultura e lingua, das que foi plenamente consciente das súas posibilidades cando visitou Bos Aires en 1968 e alí, xunto aos grandes protagonistas da diáspora cultural galega, entendeu e asumiu ese compromiso como propio, facendo do galego unha ferramenta máis da súa escrita, sendo parte dese compromiso antifascista e libertario co ser humano. O seu activismo político, sempre latexante dende os recunchos da clandestinidade, a revisión desa tan intelixentemente chamada por el  Transición intransixente, son elos dunha cadea que sitúa a Manuel Lueiro Rey nun territorio singular, dunha egrexia individualidade fronte aos distintos ventos que zoaron ao seu arredor, facendo  da súa obra literaria un faro firme, alumeante en diferentes vieiros, pero sempre co compromiso social como carreiro da súa luz.

Na liña dos poetas do pobo a súa vida ten no triángulo xeográfico de Fornelos, O Grove e Pontevedra, outras coordenadas a engadir a súa figura. En cada un deles afundiu as súas raíces para xerar complicidades e afectos, máis tamén para nomear ata tres premios literarios nos dous primeiros concellos adicados a novela, poesía e xornalismo que poñen en valor a novos nomes das nosas letras e, ao mesmo tempo, afirman a súa figura en permanente revisión a través de reedicións, publicacións, exposicións e homenaxes, como poucos autores, e que non fan máis que sinalar o poder inesgotable e resistente da Causa Lueiro.

Comentarios