Blog

A maxia eterna

O Salón do Libro de Pontevedra cumpre vintecinco anos de encontros cos libros adicados aos máis pequenos, tendo este ano a maxia como fío condutor
G
photo_camera Actividade no Salón do Libro deste ano adicado á maxia. FOTO GONZALO GARCÍA

POUCOS inventos do ser humano máis máxicos cun libro.  E a partir desa condición do libro como obxecto cheo de infindas posibilidades para a imaxinación o goce e a aprendizaxe humana, é dende a que o Salón do Libro de Pontevedra nunca deixou de ser en cada unha das súas convocatorias un contedor desa maxia, xa eterna, que se inclúe entre as páxinas de calquera libro. Este ano, ademais, incídese nese ingrediente como parte da receita de moitos libros vencellados a toda unha serie de compoñentes que teñen que ver coa maxia, tal e como a define o diccionario da Real Academia Galega, isto é, como o «Conxunto de crenzas e prácticas baseadas na existencia de forzas sobrenaturais que se poden utilizar para facer o ben ou o mal», sendo a parte argumental que motiva e lle dá un sentido colectivo a todo o que acontece ao largo desta edición, a vixésimo quinta do Salón do Libro de Pontevedra.
  
Maxia sobre maxia para volver a engaiolar ao visitante, a pequenos mais tamén a maiores que, como nas edicións anteriores, marabillosamente reflectidas no Salón deste ano pola colección de carteis que o ilustraron e divulgaron, e que visibiliza a consolidación do proxecto, así como todo o traballo feito por tantas persoas ao longo do tempo. Vintecinco carteis que son vintecinco anos de ilusións, de afirmación e orgullo dunha idea única en Galicia que pon en valor o quefacer deste Concello no ámbito da cultura e mesmo na atención aos máis novos, como parte dunha sociedade que tantas veces adoita afastalos das súas accións. E que en Pontevedra tradúcese neste Salón do Libro, nos Domingos do Principal, no Festival Nubebes, na creación deses ‘Camiños seguros’ para ir aos colexios, e a todo iso se lle engadirá o recén presentado Consello da Infancia, no que os máis pequenos darán o seu parecer sobre cuestións relacionadas coa cidade, facendo propostas para a súa mellora dende a súa óptica miúda e que terán que ser tidas en conta dende o goberno municipal. Outra acción que, como tantas outras feitas nos últimos anos en Pontevedra, será pioneira en Galicia e non tardará en repetirse noutras vilas.

Volvamos aos libros, alí onde nos refuxiamos cada vez que visitamos o Salón do Libro e percorremos esa sempre coidada decoración capaz de trasladarte ao interior deses libros dos que nesta edición mesmo saen fóra moitos dos seus elementos, dende personaxes e seres máxicos que, interpretados por diferentes creadores da nosa contorna, crean unha fascinante exposición pola que accedemos ao propio Salón; ata eses elementos que, vencellados ao universo da maxia, saen das páxinas de tantos e tantos libros, enchendo as paredes dunha das zonas dun Salón cheo de recunchos nos que confirmamos que os libros están feitos para soñar, para xerar emocións e para trasladar todo iso en forma de ilusións aos lectores e, desta vez, tamén aos visitantes ao Salón do Libro. Nese contexto atopamos os sempre sorprendentes traballos dos colexios, as zonas de lectura para bebés e para os rapaces e as rapazas, os espazos dos contacontos, a homenaxe á Literatura Infantil e Xuvenil procedente de Cataluña ou o estremecedor aloumiño ao falecido Hematocrítico, e que non deixan de ser tamén parte desa maxia colectiva da que todos os que por alí pasamos somos cómplices, mesmo ao ter que superar diferentes probas e sortilexios que nos asaltan ao longo do Salón do Libro nesta feiticeira edición.

Como máxica é a súa mascota, ese Orbil que esta semana andivo de xira polos medios de comunicación, sabedor o intelixente lobiño de que somos os altofalantes para encher de de público un Salón no que Orbil é o seu gran protagonista. A el se apreixan nenos e nenas en canto asoma o seu fociño, en canto a súa agarimosa pel xorde dalgún dos recantos do Pazo da Cultura para recibir ese abrazos nos que realmente se contén o que supón a maxia dos libros e a maxia eterna deste Salón que remata o domingo, de aí que os que aínda non foron xa están tardando (Orbil aínda ten as súas forzas case intactas para seguir dando apertas), e os que xa fixeron algunha visita poden repetir, porque sempre se atopa algo diferente nese espazo no que ademais un se sente ben. E iso hoxe tamén ten algo de maxia, neste contexto social de tensións, de balbordos gratuítos e de tantos ataques á propia condición humana, pasar uns minutos camiñando entre todo o que supón o Salón do Libro, ou participar nalgunha das súas moitas actividades, ata lles podo dicir que ten algo de terapéutico, aínda que non podería explicalo razoadamente, pero que si sinto iso cando cruzo de volta por algunha desas pontes sobre o Lérez e que nese momento parecen máxicas, como se fosen algún deses espellos, ou profundos soños ou bosques nos que perderse e que te levan a un lugar irreal, sentíndome protagonista deses relatos que nos acompañan dende a infancia sen os que a vida sería ben aburrida.

Vintecinco anos máxicos que oxalá sexan os vintecinco primeiros, dando paso a moitas máis edicións para que os nosos cativos e cativas sigan sentíndose parte importante da comunidade na que tiveron a sorte de nacer ou de medrar. Unha cidade que os valora como se merecen e que así lles devolve parte do moito que eles nos dan aos maiores, aos que tanto nos fascina a maxia dos seus rostros ante un contacontos.

Comentarios