Blog

Afinidades literarias

Os escritores Kirmen Uribe e Patricia Almarcegui cítanse mañá na Libraría Paz no inicio dos encontros  ‘Afinidades electivas’ promovidos polo Ministerio de Cultura e Deportes 
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Kirmen Uribe posa coa súa recente novela 'La vida anterior de los delfines'. FOTO EUROPA PRESS

ARRINCA mañá en Pontevedra, na Libraría Paz, o programa impulsado polo Ministerio de Cultura e Deportes que, baixo o título de ‘Afinidades electivas’, enguedella a dous autores que desenvolven o seu traballo nas diferentes linguas do estado, establecendo así un diálogo entre linguas e plantexando diferentes alianzas entre escritores e territorios en librarías independentes de todo o Estado, que veñen, deste xeito, a integrarse nun proxecto que tamén procura atopar puntos de encontro cos lectores, sen os que todo isto no tería sentido.

A verdade é que cando un atopa un proxecto que xorde das moquetas dos ministerios e que ten verdadeiro interese, e mesmo utilidade, pois non pode máis que aplaudilo e felicitar a todos os que van a compartir o seu quefacer literario cos lectores que se acheguen aos seus encontros.

Nós, ás beiras do Lérez, estamos encantados coa parella que a bulideira Helena Torres argallou como proposta, xa que, polo que a min respecta, cumpre de xeito perfecto a función real do programa, xa que reúne a un dos meus autores preferidos, o vasco Kirmen Uribe, espléndido novelista e magnífico poeta, coa aragonesa Patricia Almarcegui, a cal non coñezo, co que, abofé, será unha desas descubertas marabillosas que sempre plantexa a literatura e que tamén está detrás destas convocatorias.

Temos así o goce do coñecido e a achega ao ignoto. Os dous territorios nos que a escrita asenta os seus avances e a conquista de cómplices. Unha dualidade que plantexa Kirmen Uribe nas súas novelas, e mesmo na poesía, ao fundamentar todas elas, cando menos ata o de agora, na contemporaneidade, pero mantendo como unha corrente subterránea imprescindible, toda unha serie de relatos do País Vasco. Historias da oralidade, narracións familiares, lendas, feitos históricos ou presenzas que de xeito maxistral se integran nas súas novelas compoñendo en cada una delas, catro publicadas ata o de agora,  unha hibridación de tempos que serve para entender moito do que somos hoxe, e para non esquecer toda unha memoria que é a que acubilla os verdadeiros tesouros de cada pobo, como son as vidas daqueles que nos antecederon.

Dende aquela revelación que foi a súa primeira novela, ‘Bilbao-New York-Bilbao’, coa que gañou o Premio Nacional de Narrativa en 2009, ata a recén saída do prelo da súa editora habitual, Seix Barral, ‘La vida anterior de los delfines’, Kirmen Uribe configura un dos universos literarios máis singulares das nosas letras, sempre con ese latexo permanente da súa terra e sempre descubrindo persoas que fixeron do seu labor, máis ou menos relevante ou coñecido na esfera pública, un xeito de contribuír ao progreso na súa sociedade e cun elemento moi característico de vascos e de galegos, como é o da emigración. El mesmo se amosa na súa última novela como un emigrante, becado pola Biblioteca Pública de Nova York, para traballar nun libro arredor doutra emigrante, da feminista, pacifista e loitadora polos dereitos sociais de orixe húngara Rosika Schwimmer.

Voces do pasado que se funden coas voces do presente. Sensibilidades de antes fiadas con sensibilidades de hoxe, e todo iso cunha estrutura na que Kirmen Uribe se preocupa sempre de sorprender ao lector, propoñendo novas voces que contan as historias dende un punto de vista inesperado, como acontece neste caso coa súa parella.

Ao saber que Kirmen Uribe estaría mañá en Pontevedra apurei ao longo desta semana coa lectura desa última novela, completando así as súas catro obras narrativas, o que, xunto co seu último poemario, ‘17 segundos’, do cal podemos gozar en galego grazas á tradución do noso Isaac Xubín para a editorial Galaxia, permíteme defender esa escrita como a dun home comprometido coa súa identidade, pero tamén con todas esas memorias persoais ás que debemos suxeitarnos para manter acesa a súa dignidade que será tamén a nosa se somos quen de facelo.

«Escribir tiene que tener un sentido», escribe Kirmen Uribe nunha parte moi interesante de ‘La vida anterior de los delfines’, na que el mesmo amosa as dúbidas que xurdiron no proceso de escrita da novela, nun intelixente exercicio no que comparte co lector a construción dunha obra na que a investigación, a procura de datos ou cómo se arma todo ese esquelete narrativo, xunto coa experiencia familiar da vida norteamericana, son quen de convocar unha serie de monstros capaces de poñer en perigo a meta final.

Dentro desa loita entre as palabras e os feitos é na que acada todo o sentido o encontro na Libraría Paz, xa que tanto Kirmen Uribe como Patricia Almarcegui, profesora de Literatura comparada, especialista en libros de viaxes, atenta nos últimos tempos ao mundo oriental e cunha novidade literaria baixo o brazo: ‘Cuadernos perdidos de Japón’, Editorial Candaya, afondarán nesa tensión que nos engaiola aos lectores e que mañá nos convoca ante as afinidades electivas dun vasco e dunha aragonesa sentados un a carón doutro en Galicia. 

Comentarios