Blog

Altura de miras

A petición da Xunta de Galicia ao novo ministro de Cultura para ubicar no vello edificio de Facenda de Pontevedra unha nova biblioteca pública pode abrir a posibilidade para que nese privilexiado espazo se orixine un ambicioso proxecto cultural
RAFA FOTO ANTIGUO EDIFICIO DE HACIENDA
photo_camera Contorna do antigo edificio de Facenda en Pontevedra. FOTO RAFA FARIÑA

O pasado venres este xornal abría a súa primeira páxina coa información da petición que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, lle fixo ao recén nomeado ministro de Cultura, Ernest Urtasun, a través dunha carta, para que a futura reforma do antigo edificio de Facenda en Pontevedra acolla unha nova biblioteca pública. Unha semana despois son eu mesmo quen, en vez dunha carta, a través destas liñas, tamén lle pide ao ministro que valore esa decisión que se convertería nunha gran aposta pola cultura na nosa cidade, se o que se chega a facer é un proxecto serio e ambicioso, de apoio real ás posibilidades da cultura no ambito social da nosa capital.

Aos que se asomen a estes Foguetes verdes nos lles soará nova esta petición, que xa é recorrente dende fai varios anos, caendo unha e outra vez en saco roto. A última delas, coincidindo co Día das Bibliotecas, o pasado mes de outubro, reclamaba a urxencia de dotar a Pontevedra dunha nova biblioteca que completase a oferta da masificada e milagrosa, polo que son quen de facer dende ela ante o número de usuarios, biblioteca actual na rúa Alfonso XIII, e que resiste de xeito heroico nun espazo similar a cando se trasladou a ese lugar nos anos oitenta do pasado século. Máis atrás no tempo, en febreiro de 2020, outro artigo viña a aportar novas posibilidades á noticia de que dende Madrid por fin se movera ficha para activar este espazo asentado nunha contorna emblemática, no corazón da cidade, cun incrible potencial e cunha chea de posibilidades para ser un activo cultural. A nova daquel tempo falaba de que ese edificio ía ser un gran arquivo da cidade, no que se concentrasen diferentes arquivos doutras administracións. Dende aquel día ata hoxe, con case catro anos transcurridos, o único que medrou dese proxecto foi a herba e a humidade entre as súas pedras, e así nos atopamos agora cun edificio que avanza cara a completa ruína fronte á mirada diaria de veciños e turistas que enchen de vida ese espazo privilexiado.

Non sei que fará o señor ministro coa misiva do conselleiro de Cultura, nin moito menos se nalgún momento estas modestas palabras se cruzarán ante a súa mirada, agardo que baixo a sensible tradución da súa xefa en Sumar, Yolanda Díaz, pero como as miñas pregarias xa foron desprezadas tantas veces unha máis non me fará dano, así que, co tempo que pasou ante ese arquivo que nunca arrincou, penso que esa xa non é a mellor idea en relación ao que suporía crear unha entidade cultural chea de actividade, de visitantes, de participantes en talleres artísticos, con palestras adicadas a pensar a nosa realidade humana, con exposicións, ciclos literarios, cursos de danza, teatro, cine, fotografía, banda deseñada... en definitiva, un espazo adicado a reforzar a cultura máis activa, a que xorde de hoxe mesmo, e que en non poucas ocasións atopa a posibilidade de expresarse e de relacionarse cos demais da maneira máis axeitada.

Como o señor ministro é barcelonés, saberá ben do que falo, se lle poño o mesmo exemplo que empreguei naquel artigo do ano 2020, e que titulaba ‘Sexamos ambiciosos’, como agora o fago baixo o reclamo dunha ‘Altura de miras’, que toda a clase política, sexa da cor que sexa, estea máis ou menos lonxe dos xardíns de Casto Sampedro, debería amosar fronte á posibilidade de acadar unha realidade desta magnitude. Pois o exemplo a imitar sería o do CCCB, o Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, unha das entidades máis respectadas, non só en Cataluña, senón a nivel internacional, e que se presenta na súa páxina web da seguinte forma: "El CCCB es un centro multidisciplinar dedicado a explorar los grandes temas de la sociedad contemporánea por medio de distintos lenguajes y formatos, con un extenso programa que incluye grandes exposiciones temáticas, ciclos de conferencias y encuentros literarios, proyecciones audiovisuales y festivales". Pois iso mesmo, aplicado a Pontevedra e á realidade galega, cunha inversión seria en equipamentos, profesionais e programación, serían as liñas que redundarían en que a recuperación dese gran edificio, evidentemente indo máis alá dunha biblioteca, servise tamén para que a cidade siga mantendo firme esa forza cultural que é parte da súa identidade dende fai moitas décadas, mesmo en épocas escuras, e que fixo sempre de Pontevedra toda unha referencia da cultura en Galicia.

Outro exemplo, que tamén coñecerá ben o ministro, agora establecido en Madrid, é o Centro Cultural Conde Duque, que tamén se asenta nunha antiga construción e que vén a ofrecer unha ampla programación, dinamizadora do seu barrio, como acontece co CCCB, sendo esta unha clave destes espazos que son quen de proxectar a cultura fóra do seu interior e de integrar a contorna nas súas posibilidades. Coa Praza da Ferraría diante, os xardíns de Casto Sampedro aos seus pés, ou as escaleiras de San Francisco ao seu carón, un non se pode resistir a pensar eses espazos con xente lendo, á espera de poder entrar a participar nas actividades que podería propor esa institución.

En definitiva, trátase de facer da cultura un xermolo de vida, un nervio dende o que activar á sociedade, e en especial á mocidade, para que faga desa opción un xeito de comprender o que acontece neste mundo cada vez máis complexo e que cada vez máis precisa, de espazos de pensamento e acción cultural para catalizar todas esas inquedanzas. Unha obriga non só para todo político, senón para todos nós.

Comentarios