Blog

De Briallos a Madrid

Unha exposición do pintor Celso Varela leva as súas íntimas interpretacións das paisaxes do seu Briallos natal ata a Casa de Galicia de Madrid ao longo de todo o mes de maio
Entrevista al pintor Celso Varela en su estudio con motivo de exposicion en Casa de Galicia en Madrid Os espero en el portal de Kalandraka c Pastor Diez n 1  (4G5A8427.JPG)
photo_camera O pintor Celso Varela no seu estudio de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Sabe Celso Varela que a procura inesgotable da esencia da pintura xorde daquilo que se agocha no seu interior. Se Cézanne pelexou unha e outra vez con aquela montaña de Saint-Victoire, sempre a mesma, sempre diferente, Celso Varela converte as paisaxes de Briallos no seu eterno desafío, ese que precisa para sentirse pintor, pero tamén o que lle permite achegarse a outras realidades, como as que emerxen das representacións de bodegóns ou retratos, ámbolos dous xéneros esenciais da pintura na conquista de territorios máis alá do ‘plen air’ que lle outorga a natureza.

Son todas esas miradas, as de interior e as de exterior, as que ao longo de todo o mes de maio colgarán das paredes da Casa de Galicia de Madrid ata onde Celso Varela leva parte da súa produción pictórica dos últimos anos, baixo o nome de «Soño e presenzas, paisaxes e retratos». Un título que amosa esa heteroxeneidade temática, pero que á hora de traballar, de manexar a pincelada no interior da obra, responde a un carácter único, a unha maneira de pintar desenfreada e singular como é a que caracteriza a pintura de Celso Varela e que nos reconforta aos amantes desta disciplina artística por manter firmes anclaxes con miradas eternas da súa historia, como as de Matisse, Miró, Modigliani ou o xa mentado Cézanne. A carón destas referencias, e cun par de bos libros de poesías, como poden ser as de Borges ou as de Whitman, Celso Varela reconstrúe a súa identidade dende a pintura, e sempre a partir desa ollada eterna á paisaxe da súa natureza natal, á paisaxe da súa infancia. Briallos chega a Madrid coa forza dos salvaxes primitivos, cunha éxtase da pincelada que é a que conforma a realidade no interior do artista. Non busquen liñas nin longas pinceladas, aquí cada milímetro da obra de arte é un desafío, unha loita extenuante por conquistar cada espazo, por pequeno que sexa, pero que, ao chegar ao final do camiño, xorde o conxunto, entendéndose como un imprevisible todo.

Ese interior do pintor ten o seu reflexo no seu estudio, alí onde se produce o debate entre o soporte, baleiro, mesmo agresivo fronte a quen quere domalo, e o pintor, quen, co seus materiais tenta traducir aquel motivo que lle seduce para convertelo xa en eterno. Non foron meses sinxelos para ningún creador, menos para un pintor que precisa que os seus traballos amosen as moitas horas de día e noite que hai na súa elaboración. E que dicir cando vimos dunha pandemia, que mesmo foi quen de anular esta mesma exposición prevista para o ano 2020, que fixo das horas nese estudio unha especie de cárcere no que o artista, lonxe de achar acougo, aínda atopa un maior delirio fronte a unhas obras que o observan cada día, nun reto ante a súa definitiva finalización. Fronte a esa incerteza, Celso Varela sempre tiña ao seu carón unha chea de fiestras abertas cara ese Briallos que recupera ao rapaz da aldea, a quen dende a súa ventá sempre viu un cadro co que medirse. Outro pintor da natureza, Henri Rousseau dicía que «Nada me fai tan feliz como poder observar a natureza e pintar o que vexo». Celso Varela tamén pinta o que ve, pero o salientable é a súa maneira de ver, o cómo ve esa paisaxe para facela estourar na superficie do cadro. Os que se acheguen a observar a súa mostra madrileña terán que compoñer a súa propia paisaxe de ceos grises, de verdes, de viñas, palmeiras e carreiros zarrapicados polos vermellos dos tellados nun proceso que xa moitos realizaron nas visitas ás mostras que Celso Varela fixo en Roma ou en París, e nas que sempre amosou a súa carta de presentación, esas paisaxes de Briallos que conquistan miradas e emocións e que por fin puideron saír dun estudio cheo de tubos de pintura, pinceis, salpicaduras, cadros en proceso, libros de pintores e a poesía precisa para descifrar un mundo de imaxes por descubrir e, sobre todo, por reflectilas ante nós. 

Comentarios