Blog

Cando os materiais son a resposta

A sala Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes acolle unha mostra na que se reflexiona sobre o valor do material á hora de plantexar unha obra dende o cuestionamento do pictórico
'Alfombra', do lucense Julio Catalán que forma parte da exposición 'Materiais'. DAVID FREIRE
photo_camera 'Alfombra', do lucense Julio Catalán que forma parte da exposición 'Materiais'. DAVID FREIRE

Se algo provoca sempre a arte son preguntas. Canto máis para quen estuda unha carreira que xira arredor do feito pictórico e todas as súas derivas. De aí que Materiais, a mostra que se pode ver na Facultade de Belas de Pontevedra, sexa, quizáis, dende a súa conformación teórica e formal, unha gran resposta a todas esas preguntas que xorden das infindas posibilidades de facer arte que ten o alumnado desa Facultade. Unha resposta que parte do matérico, do material co que se constrúen esas obras de arte e a partir do cal podemos establecer novos elos coa realidade.

Unha frase do comisario da mostra, o profesor do Departamento de Pintura, Ignacio Pérez-Jofre, no máis que meritorio catálogo feito para a ocasión, penso que dá unha intelixente reflexión sobre o valor da materia na pintura, na pintura hoxe: "Penso que a pintura, no contexto actual, só ten sentido se a entendemos a partir da súa materialidade física", afirma o tamén creador e quen leva traballando arredor destas posibilidades da materia nos últimos anos, e o certo é que a pintura se afirma dende a súa propia condición material, máis aínda cando estamos a vivir uns tempos líquidos, de pensamentos e accións que se evaporan no tempo a través de accións dende dispositivos tecnolóxicos que semellan enfrontarse coa propia condición artística que, dende sempre, reivindicou a eternidade que lle concede tanto o soporte como os materiais.

Cada unhas das propostas que podemos percorrer nunha exposición axeitadamente disposta no espazo expositivo ten algo que ofrecernos dende a diversidade do material e cómo o artista o integra na súa obra para, nun segundo plano, achegarnos unha serie de reflexións sobre cómo ese material tamén incide no noso contexto físico, político, ecolóxico, cultural ou social. Galia Baba, Julio Catalán, Álex Fuertes, Aitana Iglesias, Gloria Lorenzo, Sol Mussa, Diego del Río, Paula Santomé, Ruth Vidal e Carlos Viveiro xeran coas súas obras uns variados discursos que, partindo da obra de arte, constrúen un enérxico concepto que vencella o feito físico das súas pezas con algunha realidade da nosa contorna. A mirada arredor do pobo saharaui en Esquecemento, a obra de Galia Baba; a Alfombra que, como unha cartografía do territorio, nos presenta Julio Catalán; a recuperación de obxectos desprezados pola nosa sociedade que nos propón Álex Fuertes en Plásticos; a pintura sobre escombros de Aitana Iglesias en Ruína; a abstracción pictórica xerada tamén con plásticos como pigmentos de Gloria Lorenzo; a fragmentación e intepretación de imaxes anteriores a cargo de Sol Mussa; a experiencia da viaxe sobre un territorio construído dende a memoria de Diego del Río; a reflexión sobre o ámbito underground de Paula Santomé; o noso xeito de habitar na construción actual da man de Ruth Vidal ou a creación de trazos de xeito azaroso nunha liña de metro que nos propón Carlos Vivero, son todas elas maneiras de converter a súa expresión en reflexións sobre a realidade, con ese fío transmisor dos materiais como un potente altofalante de diversas connotacións que son quen de achegar, xa que eses materiais tamén significan, isto é, cada elemento aquí empregado leva con el toda unha carga de valores.
 
Todos estes ensaios, todas estas formas que xorden do desexo de facer e de explicármonos a cargo destes alumnos que fixeron xa o seu Traballo de Fin de Grao, convértense nunha maneira de entender o que somos e que dada a nosa complexidade non se poden mover nunha soa dirección e así as mesmas obras, dende o formal, semellan fuxir do contexto pictórico propoñendo exercicios de volumes que nos levan a territorios escultóricos, máis ou menos definidos, e que nalgúns casos parten da propia pintura sobre o lenzo ata a súa emancipación definitiva da representación, pero nunca da realidade.

Comentarios