Blog

Caro Moretti

O ciclo que durante este mes lle adica o Cineclube de Pontevedra a Nanni Moretti amosa toda a capacidade de evocación do cinema, no colectivo, mais tamén no íntimo e afectivo
G
photo_camera Instantes antes da sesión do CineClube na que se proxectou 'Caro diario'. FOTO RAFA FARIÑA

O RECÉN galardoado co Premio Cervantes, Luis Mateo Díez, no seu último libro, El limbo de los cines (Editorial Nórdica), a través dunha ducia de relatos recupera moitas desas sensacións activadas pola imaxinación e polo goce que supón sentirse envoltos en comunidade pola escuridade, mentres unha pantalla é quen de levarte a espazos,  tempos ou historias tan insospeitadas coma engaiolantes. Ese Edén dos cinéfilos tivo na sagrada Cinema Paradiso de Tornatore o seu punto álxido ao facer do cinema e do seu contexto un ámbito incomparable de emocións para o ser humano e que, desgraciadamente, vemos nas novas xeracións como se está a perder en competencia con outros dispositivos individuais, egoístas no pracer, así como faltos dunha chea de sensacións e evocacións.

E todo isto a que vén?, pensarán vostedes, pois á felicidade máxima que temos os que amamos o cine cada vez que o Cineclube de Pontevedra é quen de converter o Teatro Principal nunha sala máxica, nun universo de sensacións que ademais se potencia cunha excelente programación que en non poucas ocasións substitúe á esa carteleira comercial que adoita desprezar os mellores filmes do ano na procura dunha rendibilidade económica que non sempre responde ao talento artístico. Un claro exemplo é o que acontece este mes de novembro no que a programación do Cineclube acolle dous deses filmes que marcarán este ano e que de non ser polo colectivo pontevedrés non poderiamos ver na nosa cidade. Falo de O sol do futuro, a película de Nanni Moretti e Orlando. A miña biografía política, de Paul B. Preciado, completándose ambas cunha retrospectiva do director italiano e cunha dobre sesión da limiá María Ruido, coas moi interesantes A revolución (é) probable e O ollo imperativo.

Esa capacidade do cine para quedar dentro dun abrollou precisamente coa revisión da obra do sempre xenial Nanni Moretti e a proxección o pasado martes de Caro diario, película mítica do seu creador e que forma parte da educación sentimental (que Flaubert me perdoe) de quen estudou en Compostela e viviu algúns dos seus mellores días nas butacas doutro Teatro Principal, o da cidade universitaria, e nuns novembros irrepetibles grazas a ese labor impagable e inesquecible para tantas xeracións do Festival Cineuropa, que xustamente arrincou onte a súa trixesimosétima edición. Alí, na de 1994 proxectouse o filme daquel motorista baixo o sol de Roma percorrendo diferentes barrios da capital, quedando fixado no meu interior esa película, como aconteceu con moitas outras descubertas nesa mesma pantalla en xornadas de día e mesmo de noite, que formaban parte do comezo do curso, deixando sempre un pouso de ledicia que o Cineclube foi quen de recuperar ao ver de novo esa película, e que terá o vindeiro martes unha cita con Santiago, Italia, e outra no seguinte martes con O sol do futuro, escoitando así as miñas pregarias ao deus John Ford para que se proxectase en Pontevedra, cando, xa coa fe perdida viñeron os do Cineclube para encherme de dita ao abeiro dese sol do que tan ben fala a crítica e o público, nun filme que semella cun ton crepuscular, pero cheo desa carga de inxenio á vez que de crítica social co que adoita beliscarnos este director.

Case trinta anos despois, cando todo é diferente a aquel tempo, seguir movendo a cabeza ao ritmo de Nanni Moretti sobre a súa vespa escoitando a Leonard Cohen ou a Juan Luis Guerra segue a ser o mesmo estremecemento, o da enerxía das cousas que emocionan, a posibilidade da arte de manter en nós unha chama de esperanza cando o paso do tempo se encarga de esmagar tantas cousas.

Comentarios