Blog

Castelao en Galiza

Unha mostra no Museo de Pontevedra lembra o regreso dos restos mortais de Castelao. Unha efeméride da que se cumpren corenta anos e que rexistrou o fotógrafo Xan Carballa
Teresa Castelao pousa as súas mans sobre o cadeleito cos restos do seu irmán, FOTO RAFA
photo_camera Teresa Castelao pousa as súas mans sobre o cadeleito cos restos do seu irmán, FOTO RAFA

O 28 de xuño de 1984 os restos mortais de Castelao regresan a Galiza converténdose nunha efeméride histórica dende o compromiso e o feito de sandar unha desas miserias que os tempos escuros deixaron sobre a pel desta terra. Aquela decisión, non exenta de polémica, desembocou nunha xornada inesquecible para un país que tremía ante o retorno de quen tivera que fuxir dunha morte segura, como foi a do seu ‘irmán’ Alexandro Bóveda, de continuar naquela España enchoupada en sangue por culpa dos sublevados fronte ao goberno lexítimo da República.

Esa volta de Castelao a Galiza cumpre corenta anos e o Museo de Pontevedra adicaralle dende o xoves unha mostra no edificio no que por fin a anterior Corporación Provincial foi quen de poñerlle o seu nome, tras moitas décadas de medos e dúbidas, de falta de decisións valentes que nomeasen a ese edificio tal e como se merecía o de Rianxo, tanto pola súa importancia no devir cultural galego, como pola súa relevancia na configuración inicial do propio Museo, así como pola importancia dos fondos que do autor de Sempre en Galiza se gardan nel.

A exposición baixo o título de Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, abofé que será una magnífica mostra, xa que tanto as fotografías dalguén tan relevante como Xan Carballa, na documentación e coñecemento daquela época histórica en Galiza; como o comisariado de Enrique Acuña, tamén gran coñecedor tanto dun momento tan determinado, como das achegas culturais, creativas e mesmo documentais da época, permitirán que nos aproximemos a todo o que supuxo aquel acontecemento que promovera o presidente da aínda recente Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, coa complicidade do presidente do Parlamento, Antonio Rosón, tras a proposta presentada por Camilo Nogueira, e a repulsa dun nacionalismo que, a través de Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido, entenderon todo aquel proceso como parte da manipulación da Xunta, mesmo sendo calificada pola Federación de Sociedades Gallegas de Argentina como «un manejo caciquil».

O rexistro daquela xornada é, polo tanto, parte da nosa historia, símbolo dun momento de recuperación de liberdades e dereitos, e de respecto a un deses nomes simbólicos da nosa terra, aínda que pouco tempo despois non fose todo o gabado e recoñecido como merecía polos mesmos que tanto empeño tiveron en traelo de volta. O traballo de Xan Carballa intégrase nese importante tempo que fixo dos medios gráficos o mellor testemuño daquela Transición en branco e negro e á que non poucas veces semella dificil entendela dende a cor. Pescudando no propio arquivo do Diario de Pontevedra, tres imaxes do noso inesquecible RAFA tamén situaron ante os lectores do xornal os feitos daquel día, aínda que concentrados no aeroporto de Lavacolla, co descenso do cadaleito do avión, as autoridades presentes no acto e a propia irmá de Castelao, Teresa Castelao, poñendo as súas mans sobre o ataúde nunha imaxe chea dunha emoción que traspasa o paso dos anos, poñendo de relevo esa importancia que teñen os procesos de documentación na nosa historia común.

O labor de Xan Carballa que centrará a exposición do Museo, xunto con outros materiais para a súa contextualización, non só recolle o acontecido en Lavacolla, senón tamén o balbordo que tivo lugar na contorna de San Domingos de Bonaval e o enterro no Panteón de Galegos Ilustres, co que se puxo fin a unhas xornadas que dende días atrás tiveron especial relevancia na prensa, e así, no Diario de Pontevedra, temos como dous días antes se publica que será a Coral Polifónica de Pontevedra, que o propio Castelao axudou a fundar, a que participaría nas honras fúnebres, publicándose un artigo con palabras de Castelao sobre o seu desexo de ser enterrado en Pontevedra: O meu Pontevedra; o día 27 alúdese á polémica do galeguismo sobre ese regreso xunto a un artigo de Augusto Fontám sobre esta curiosa "operación retorno"; o día 28 os Amigos de Pontevedra réndenlle homenaxe na estatua dos xardíns de Santa María e se anuncia a concesión da Medalla de Ouro de Galicia, mais a súa mellor medalla foi a de volver.

Comentarios