Blog

A danza das pantasmas

Faraldo, Pontón, Rueda, Gómez Besteiro y Marta Lois. ÁLVARO BALLESTEROS
photo_camera Faraldo, Pontón, Rueda, Gómez Besteiro e Marta Lois. ÁLVARO BALLESTEROS

Se Alfonso Rueda tiña nos seus deberes algo ben claro, máis que falar de proxectos ou balances do feito, e coa complicidade da Televisión de Galicia nese formato tan pensado de representativos e significativos como para ser o único que o motivase para o debate, era a de erixirse fronte ao caos, ese balbordo co que se nos leva asustando dende Génova, mais tamén dende San Caetano.

Pero os tempos do medo xa pasaron e como un guión perfectamente estudado, asomou pronto Cataluña, o que menos lle importa aos galegos e as galegas fronte ao seu día e día, aínda que onte descubrimos que os nosos bebés teñen que pagar a amnistía de Puigdemont. Non sei se algún deses bebés serán dos once mil bebés galegos que non teñen pediatras. Eles protagonizaron a segunda parte do debate, a dos servizos sociais, onde os datos de vivenda, sanidade, residencias para maiores e educación son os que máis acantoan ao candidato popular que volveu descalificar os manifestantes do domingo pola mellora da sanidade, acusándoa de ser unha manifestación politizada, pois claro que está politizada, diso se trata, de política. De políticas que incidan nunha maior aposta pola sanidade pública e os seus recursos, ou dunha sanidade que se apoie no sector sanitario privado.

Con Ana Pontón a un lado falando das medidas a tomar dende a ilusión e a forza que lle outorgan as enquisas e "como presidenta..." e Besteiro ao outro (que mágoa non ser candidato dende hai máis tempo), manexando a fala dende un sosego e unha seguridade que transmitía aplomo e firmeza, Rueda, no medio, tentaba desfacerse desa marcaxe cun baile de datos que se amosaba incapaz de conter os candidatos que estaban fronte a el, dándose conta de que ao mellor non era tan boa idea a de someterse a un formato con tantos convidados. Mais foi a lingua o que motivou o maior balbordo, o que o candidato Besteiro lle botou á cara ao presidente o seu voto en contra no Congreso, algo que non mereceu resposta algunha, porque non a pode haber, máis alá dun perdón, ou coa candidata do BNG pedindo explicacións polas políticas lingüísticas dunha Xunta que fala máis de liberdade que de defensa da lingua propia, a que sen dúbida está máis ameazada.

E nesa tensión idiomática, e con Rueda amosando a súa incomodidade, asoman outros dos mantras do medo: Eta e Sánchez. Xa temos todas as pantasmas danzando, agora tocaranos a nós ver se hai algo baixo as sabas. E a cultura sen saír.