Blog

Datos e datiños

Unha serie de recentes estudos e análises sobre o sector de libro e os hábitos de lectura en España non deixan en bo lugar ó que acontece nunha Galicia lastrada polo incumprimento da Lei do Libro e a Lectura
G
photo_camera As librarías son os lugares preferidos polos lectores para facerse con libros. FOTO MIGUEL

COMO acontece cada ano por estas datas chegan diversos resumos do acontecido no pasado ano en diferentes sectores da nosa sociedade. Se a finais de xaneiro coñecimos un estudo sobre os hábitos de lectura en 2023 elaborado pola Federación do Gremio de Editores de España, hai dous días coñecimos unha análise sobre o sector do libro que vén da man da consultora GFK e a Federación de Asociacións Nacionais de Distribuidores de Edicións.

E que é o que nos din estes estudos?, pois que se deixamos de lado a ese sempre preocupante, ao tempo que inexplicable 35,9 por cento de persoas que se declaran non lectoras, atopamos unha serie de datos que nos levan á esperanza sobre a lectura de libros, así como outros datiños que deixan ao libro galego nunha situación de desacougo e mesmo desprotección do seu sector fronte ao que acontece no conxunto de España. Datos a nivel do estado que falan dun crecemento de lectores habituais do 5%, sendo as comunidades máis lectoras, Madrid, Cataluña, Navarra e o País Vasco; se imos aos datiños atopamos a Galicia nesa zona tépeda da clasificación, nin frío nin calor, pero cunha clara tendencia á baixa, que se suliña dende hai xa bastantes anos sen poñerlle freo ou reverter esa situación que ten moito que ver co incumprimento da Lei do Libro e a Lectura. O que debería entenderse como un dos grandes problemas dunha cultura que desapareceu por completo en todos e cada un dos partidos políticos que nos encheron de promesas, máis alá de encontros puntuais con persoas do sector, pero nunca ocupando minutos nos grandes debates públicos ante os votantes.

Unha eiva que se visibiliza de maneira brutal co que manifestou o propio presidente da Asociación Galega de Editores, Henrique Alvarellos nunha conversa con Nós Diario na que afirmaba que «En 2008 publicábanse en galego uns 2.000 títulos, e hoxe publícanse 1.000, exactamente a metade». Pensen vostedes de seguir así, en que estado podemos atopar a nosa literatura dentro doutros quince anos, estremece facelo. Con cada vez menos apoios para poñer o libro, que tería que ser a nosa gran bandeira ante o resto do mundo, en valor, asoma todo un ronsel de datos, os datiños, que cada vez empequenecen máis ese fráxil ecosistema que todos estamos obrigados a manter forte, canto máis os nosos xestores públicos. Eses datiños son a cada vez menor presenza do galego no ensino, coa perda dun lectorado de futuro; o descenso de compras polas nosas Biblioteca Públicas de até un 80% ou a promoción exterior na que os editores acuden sen o amparo da Xunta ás feiras internacionais, afastándonos así de experiencias e condutas que atopamos noutros países, ou que dicir dese outro incumprimento da Lei do Libro en relación á creación do Instituto Rosalía de Castro, que non nos cansaremos de reclamar ano tras ano, e máis aínda nun día como o de hoxe no que lembramos a nosa heroína literaria, e que serviría para fornecer esa promoción do libro e da cultura galega, do idioma e xermolo para facer medrar ese prestixio por todo o mundo, como de feito fai o Instituto Cervantes co castelán con tanto éxito.

Si que a un nivel máis amplo, o que certamente sitúa a Galicia fronte a un espello no que reflectir as súas miserias, atopamos eses bos datos que se deron a coñecer esta semana, cun incremento na facturación do sector do libro do 4 por cento, o maior dende que existen este tipo de rexistros e nun contexto tan complexo como no que estamos a vivir coa dixitalización e mantendo ás librarías como a principal canle de distribución dos libros fronte a todas esas plataformas do universo dixital que nos poden servir un libro en pouco tempo e cunha gran comodidade pero que lle resta ás nosas vidas esa sensación tan pracenteira de visitar unha libraría, de atopármonos con todos eses libros que agardan por nós para compartir un tempo inesquecible e do que sempre saímos mellor do que entramos neles.

Ese máis dun tercio de persoas que teñen desterrada a lectura dos seus hábitos de vida non son bos nin para eles mesmos, polos indudables valores positivos para o ser humano da lectura e do contacto cos libros, e arredor deles é onde debería centrarse a acción do sector do libro para seguir gañando a uns lectores que unha vez que se adentren nese ecosistema será moi complexo que o abandonen. En Galicia onde se ten que actuar de xeito máis que urxente por todo o tempo perdido é na singularidade do noso libro, primeiro a partir do coidado extremo dunha lingua en inferioridade de condicións fronte a un castelán con cero problemas para verse ameazada na convivencia co galego e en segundo coa toma de decisións que sirvan para vigorizar ao sistema editorial galego, a partir do cal poder facer entrar aos lectores nunha nova realidade á que os nosos xestores están obrigados a achegarnos, e que xa non se pode retrasar máis e menos cando comezamos unha nova lexislatura.

Hoxe é día de louvar a Rosalía de Castro, de tomar un caldo de Gloria a súa saúde e de ler os seus textos para sermos cómplices dunha maneira de sentir a terra da que ela é parte como poucas realidades podemos atopar. E iso grazas a que os libros serven de salvoconducto para manter acesa esa emoción con nós mesmos, co que somos e co que queremos transmitir cara un futuro que hoxe se enche de datos e, tristemente, de datiños.

Comentarios