Blog

O derradeiro Van Gogh

O Museo d'Orsay amosa nunha mostra os últimos días de creación artística de Van Gogh. Apenas dous meses previos a súa tráxica morte nos que amosou unha desbordante paixón polo feito de pintar
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Unha visitante á exposición 'Os últimos meses de Van Gogh'. FOTO EUROPA PRESS

Afirmou Van Gogh que "Estes cadros diranvos o que eu nunca direi con palabras", en relación cos cadros que pintou nos seus últimos meses de vida. Obras pintadas entre a súa chegada  ao pintoresco pobo de Auvers- Sur- Oise, no mes de maio, e a súa morte a finais de xullo de 1890. Apenas dous meses nos que o pintor holandés deixou un dos conxuntos de cadros máis excitantes da historia da pintura, reveladores dun momento vital cheo de incertezas pero, sobre todo, o expoñente máximo dunha efervescente xenialidade.

Unha exposición no parisino Museo d’Orsay, Van Gogh. À Auvers-Sur Oise. Les derniers mois detense e analiza de xeito abraiante o que supuxo ese breve periodo de tempo nunha das vidas artísticas máis atractivas e das que máis se teorizou, como foi a do autor de Os xirasois. Setenta e catro cadros e máis de cincuenta debuxos en dous meses é unha colleita que estremece, xa que a ese frenético interese por pintar engádeselle unha constante calidade en todas as obras, así como un desexo por experimentar diferentes formulacións plásticas a partir de novos formatos. Un tenso momento no que se enguedellan a súa paixón pola pintura é unha complexa situación vital que tentaba superar nesta idílica contorna dos arredores de París e no que procuraba recuperar o Norte do seu país de orixe fronte aos últimos tempos vividos en Arlés. Ese lugar atopouno a carón do seu amigo e médico, o tantas veces representado por el mesmo, Dr. Gachet, co que entablou unha complicidade absolutamente emocionante (sabémolo polas numerosas cartas escritas polo pintor nas que se reflicte boa parte da súa vida e estados de ánimo) na que atopaba esa comunicación precisa para tentar entender e acougar o que acontecía no seu interior.

Rodeado de natureza Van Gogh pouco deixou por pintar en Auvers. As súas típicas casas con tellados de palla, flores, persoas, paisaxes, a súa igrexa... enchen esas obras que se algo transmiten é un profundo goce da vida e que contrasta co seu tráxico final. Semella como se Van Gogh quixese ocultar baixo esa pincelada e esa materia que disolvía a realidade coa organicidade das súas formas o que lle deparaba o destino e que sempre estaba agochado na súa mente, aínda que houbese momentos de sosego. Van Gogh pinta ao longo de todo o día, temos amenceres, ocasos, a luz do mediodía bulindo sobre as espigas de trigo... os seus pinceis non tiñan respiro, mesmo en interiores atopamos xarróns de flores, e pinta nenos como nunca fixera antes. Son reflexos dunha vida que estaba a piques de perder e cuxo final só podemos intuír sabendo o que pasou e ao ver de qué maneira eses estarrecedores corvos negros salpican os seus luminosos trigais nun formato panorámico que nunca empregara.

Todo ese contexto final, que non é máis que un universo singular dentro da traxectoria de Van Gogh, sempre vencellada ao seu itinerario vital e xeográfico, queda para o futuro no espectacular catálogo que acompaña a exposición do museo parisino e que teño nas mans grazas á visita que a miña filla pequena fixo como parte dunha excursión do Instituto Valle-Inclán a París (beizóns aos centros e ás mestras que abren estas fiestras ao mundo e a visitar cidades e museos) e que me achegou este tesouro que é un modelo sobre cómo traballar arredor da obra dun artista. Ante el a pintura, a boa pintura, é capaz de levarte, non só a esa contorna rural de finais do século XIX, senón tamén a miña primeira experiencia ante unha obra de Van Gogh, inesquecible, e oxalá para eses alumnos significase algo tan especial como o foi para min. Certo que os tempos e as olladas son moi diferentes en relación ás que teñen hoxe os nosos adolescentes e as que podiamos ter fai trinta anos, e moitas veces un xa dá as grazas con que sexan quen de afastar a súa mirada dos seus móbiles uns minutos. Un, que adoita ser optimista, pensa que quizais algún deles se quedase colgado durante uns instantes con esas cores e sobre todo con esas pinceladas, con ese azul da Noite estrelada, que tanto me impactou e que non volvín a ver en ningún outro pintor, e teño visto uns poucos cadros dende aquela. Ao mellor lles chamou a atención ese escintilante amarelo ou a mirada do seu autorretrato, pero o que non esquecerán nunca será o movemento desas pinceladas no interior do cadro, unha distorsión que converte esta pintura nun berro expresionista, pero non dende a figuración humana, senón dende unhas pinceladas que son esas palabras que el nunca foi quen de dicir, de aí que asevere nesa frase coa que arrincaba este texto que o que nos tivera que dicir se atopaba nestes cadros, os seus derradeiros cadros, o derradeiro Van Gogh.

É certo que os anos finais de todo artista adoitan ter unha capacidade de fascinación particular sobre o resto da súa obra. O entender que o final está máis ou menos próximo leva a non poucos creadores a propor novos riscos que anos antes nin pensaría afrontar. A carreira de Van Gogh, sempre tan axitada polas súas doenzas mentais, chegaba a este momento, tan só trinta e sete anos despois do seu nacemento, non sabemos se dende a estabilidade que amosa unha pintura tan pletórica ou precisamente esa sensación era a antesala a súa crise final. Iso xa queda para os teóricos, para o resto quedan ese monllo de cadros pintados en dous meses incríbles.

Comentarios