Blog

¿Dónde se esconderán los pájaros mañana?

Fuego la sed, o novo poemario de María Sánchez, interpélanos sobre a relación actual coa contorna natural e cómo as nosas decisións anulan escenarios que son parte do que somos
Pintada (d) en la carretera N-547 en contra de la construcción de la fabrica de fibras textiles que promueve la multinacional lusa Altri en Palas de Rei. ELISEO TRIGO
photo_camera Pintada (d) en la carretera N-547 en contra de la construcción de la fabrica de fibras textiles que promueve la multinacional lusa Altri en Palas de Rei. ELISEO TRIGO

ESTAMOS fartos de chorar as paisaxes. Cansos de ver como espazos naturais que forman parte de nós son danados de xeito irrecuperable pola man do home. Polo exceso de cobiza ou polas ansias de facer negocios ao prezo que sexa, mesmo pasando por riba do maior tesouro que temos como é a nosa propia terra. Xa é dabondo grave a muda climática que estamos a vivir, o quecemento do planeta e as súas indudables e perversas influencias na natureza, como para que nós mesmos sexamos quen de acelerar eses procesos intervindo en espazos que deberían ser intocables, apostando por eles para localizar industrias con efectos irreversibles para uns lugares que naceron para non ser domesticados.

Estámolo vendo outra vez tras o remate das eleccións galegas, xa que ata ese momento as cousas estaban baixo unha arteira camuflaxe, ao coñecer dun xeito máis real cales son os plans desa fábrica, Altri (non sexamos cómplices dese infantil eufemismo de biofábrica) para instalarse no corazón de Galicia, nas terras de Melide e Palas de Rei, e de xeito máis sorprendente nun espazo natural protexido que ata hai ben pouco, ata que o horizonte dos cartos tapou o sol, ía ser declarado como Rede Natura. Agora é cando alumean unha serie de cifras e informacións sobre o obxecto e afeccións reais desa industria sobre o noso territorio. Datos como que non estamos a falar dunha fábrica de fibras téxtiles, senón dunha celulosa que, por certo, non quixeron, ou mellor dito, non puideron instalar en Portugal, terra de orixe dos seus impulsores; ou que nela non tería lugar ningún peche produtivo se non que o que produciría sería celulosa para a exportación; ou que o seu tamaño sería tres veces maior que a súa irmanciña de Pontevedra; ou que o consumo de auga diario sería maior que o de toda a provincia de Lugo nesa mesma xornada, e que esas augas, despois do proceso químico necesario para a produción de celulosa, devolveríanse ao medio natural a través do río Ulla, cuxa desembocadura ten lugar nun dos ámbitos produtivos máis ricos de Europa como é a ría de Arousa.

Leo estes días o recén publicado poemario de María Sánchez, cordobesa instalada en Galicia, mesmo non demasiado lonxe dese contexto seriamente ameazado. De formación veterinaria a súa escrita, que vai do ensaio á obra poética, xorde desa obriga íntima por defender o territorio, por consideralo parte de nós e, máis aínda neste Fuego la sed (Editorial La Bella Varsovia), por entender e amosar de qué maneira as decisións humanas repercuten no curso dun río, no vóo dun paxaro ou como aquela fonte que lembra o seu pai agora xa non existe. "El poder, la violencia, la sequía". Estas cousas tan poéticas é evidente que non entran nas coordenadas mentais tanto de empresarios como dos políticos que sen poñerse roibos apoian este tipo de proxectos que nunca, nunca, por moitos beneficios que poidan dar, chegarán a aliviar o que supón de ferida no territorio, ou de perda por outros lados dese caudal económico que semella ser o único que os motiva. Ou alguén pensa que o que aquí se faga non repercutirá nas explotacións agrogandeiras da contorna ou na produción desa ría de Arousa?

Escribe María Sánchez "quien se atreve a cruzar un río sin memoria", e canta razón ten, por cómo ante este tipo de situacións somos incapaces de entender as leccións da historia, deses erros nos que todos estamos dacordo en canto á instalación de industrias noutros tempos en determinados espazos que, cos parámetros da sociedade actual, imposibilitarían o máis mínimo éxito dese complexo fabril e que agora semella que queremos repetir, e aínda por riba con cartos públicos, porque esa é outra, o da inversión pública para o beneficio do capital privado. Volvo ao poemario, "quisisteis cambiar el rostro de un paisaje a la fuerza". Choremos as paisaxes da mesma maneira en que choramos cando perdemos a un familiar ou a unha amizade, mais tentemos non chegar a esas bágoas e para iso dende hai uns días, cando se comezaron a saber informacións que pouco tiñan que ver co que se argumentou cando se presentou ese proxecto a resposta veciñal non puido ser máis contundente, mesmo facendo liscar aos representantes da empresa que viñan a vender as súas bondades.

Semella que só o sindicato CC OO, o que dende Pontevedra non nos sorprende, ou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quen falou do proxecto de Altri como "redondo dende o punto de vista medioambiental", apoian de xeito decidido esta opción. Sen dúbidas. Xusto nestes "Tiempos de incertidumbre y emergencia climática", que é, precisamente cando máis dúbidas deberíamos ter sobre os nosos actos no territorio e ante preguntas que son versos: "¿Dónde se esconderán los pájaros mañana?"

Comentarios