Blog

Espazos da reflexión

Unha mostra no Museo de Pontevedra, ‘O espazo entre as cousas’, vén a reinvindicar o legado do compromiso creativo e intelectual de Juan Carlos Meana ao longo da súa vida
Unha das pezas da mostra de Juan Carlos Meana no Museo de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Unha das pezas da mostra de Juan Carlos Meana no Museo de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

ARTISTA e profesor na Facultade de Belas Artes de Pontevedra o pasamento de Juan Carlos Meana a comezos deste ano deixounos sen unha desas persoas que destacaban polo seu compromiso co feito artístico. Se este non é sempre sinxelo de desenvolver cando un ten un pé no sistema educativo, o que tamén fora decano do centro universitario pontevedrés, nunca rexeitou esa adicación que non poucas veces víase alimentada pola propia experiencia docente como xeito de observar e participar de diferentes condutas do ser humano.

A exposición que ata o 29 de outubro lle adica o Museo de Pontevedra, baixo o comisariado de Alberto Ruiz de Samaniego, ten un importantísimo valor non só como visualización dun proxecto persoal, senón tamén como comprobación de que moitos dos docentes da nosa facultade desenvolven un sobranceiro papel como creadores, como produtores de pezas artísticas que dende diferentes soportes e conceptualizacións da nosa contorna tentan, dende a plástica, artellar ferramentas para explicar o que somos e de que xeito entendemos a nosa realidade social, cultural ou histórica.

Non só temos que achegarnos a Juan Carlos Meana como creador de obras artísticas senón tamén como un ser reflexivo, que gustaba de deixar constancia deses pensamentos que desembocaban nas súas obras escritas, ao tempo que se as lemos permiten funcionar como un bo itinerario para comprender moitas das cuestións que preocupan á creación artística nestes momentos. Estes pensamentos forman parte de varios libros que falan de arte, de estética, mesmo de filosofía, pero sobre todo materializan un xeito de observar e de pensar os diferentes vectores que conforman a condición humana, case sempre dende a enunciación do conflito, do que supón todo un universo de fraxilidades, incertezas, derivas... e todo iso se afronta sen grandilocuencias, sen unha ostentación de materiais e formas, senón que Juan Carlos Meana contextualiza esa situación dende aquilo que temos máis cerca de nós, obxectos, materiais do cotiá, sobre os que aínda se recoñece a nosa pegada como unha sinatura que ratifica a nosa presenza, e, de xeito repetitivo, mesmo obsesivo, a través do emprego de espellos que xeran unha rede coa que atrapar a nosa propia existencia para dende ese momento afrontar unha experimentación que expón a nosa intimidade ao colectivo.

Esa "transformación do cotiá", como a define Alberto Ruiz de Samaniego, supón adentrarse nun territorio simbólico que é quen de subverter aquilo que coñecemos, e así vemos como pratos, cuncas, xabóns ou os espellos xa citados fan da súa sinxeleza un ámbito de traballo plástico e conceptual que mesmo conquista o que non agardabamos, dada a orixe deses materiais, a beleza. Ata ela acoden silencios e olladas como parte dun proceso de experimentación que lle outorga todo o sentido ao proposto por Juan Carlos Meana, a ese proceso comunicativo que emerxe de cada unha destas pezas que forman parte dun corpus máis amplo de reflexión e análise da arte como catalizador intelectual, non sinxelo, pero posuídor dunha contundencia e fondura que unha vez que nos facemos cómplice del é moi enriquecedor para o espectador.

Un deses libros nos que podemos completar o que vemos na exposición é La ausencia necesaria, libro co que me convidou o autor para compartir xunto a Nacho Barcia, Xaime Toxo e a el mesmo o seu contido na súa presentación en Pontevedra, nun serán inesquecible para min na Casa das Campás. Como tampouco esquezo a proveitosa lectura dun texto que facía fincapé nunha cuestión moi presente na mostra, a de atopar espazos de reflexión dentro do balbordo xeral desta sociedade chea de ruído e distracións. No libro esas ausencias eran tempos mortos que xurdían ao longo de diferentes viaxes, no medio de paseos, en momentos circunstanciais da vida, converténdose en parénteses imprescindibles para afrontar o acto da creación. Do mesmo xeito que percorrendo esta mostra atopamos cómo ese espazo entre as cousas que a nomea é, precisamente, ese ámbito da ausencia necesaria, o paso previo á materialización artística dunha idea ou dun concepto, aquilo que tanto lle preocupaba a Juan Carlos Meana e que o comisario da mostra, con bo tino, entende que é o feito diferencial na proposta artística do exdecano de Belas Artes.

Alí nos agarda Narciso, con toda a forza do mito, coa súa pluralidade renovada dende a modernidade por ese Pessoa e a súa condición heterónima, capaz de reflectir a súa fisicidade nos escaparates de Lisboa como xeito de atopar a ausencia necesaria, o acto previo as súas diferentes voces poéticas. O espazo entre as cousas no que agora nos movemos ao percorrer unha mostra que é moito máis que lembranza ao artista, ao docente, ao escritor ou ao amigo ausente, sendo un xeito de valorizar a quen entendeu que a vida vai moito máis alá do visible, da percepción fugaz, sendo moitas veces preciso facer do espello a confirmación da nosa existencia, a acta notarial da nosa existencia e dunha identidade diluída entre o colectivo cada vez máis ameazante co eu.

Comentarios