Blog

Facer cidade, pensar cidade

Pontevedra, exemplo mundial na recuperación do espazo público, sinala durante esta semana o itinerario a seguir para quen queira facer da cidade un espazo mellor para as persoas
20220805_Jloubina_134
photo_camera Cidadáns gozando da conquista do espazo público en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

AS cidades son para as persoas. O que pode semellar unha frase obvia é, sen lugar a dúbidas, unha das grandes conquistas do ser humano nas últimas décadas. Se durante un século as nosas cidades convertéronse en centros de polución e de amoreamento indiscriminado de vehículos-e disto en Pontevedra sabemos ben do que falamos- agora vivimos un proceso global de recuperación do espazo público que é o que está marcando a axenda urbana da maior parte das vilas do mundo. Dende as grandes metrópolis ata pequenos pobos, de capitais densamente poboadas a núcleos urbanos máis pequenos, pero que tamén se deron conta de que os tempos que vivimos, cun planeta agoniante, precisan da toma de medidas que palíen o desastre, ou que, cando menos, fagan mellor a vida de todos nós, que, ao fin e ao cabo, é ao que ten que atender todo xestor político.

E si, xa asomou a patiña a palabra política, porque dende a política é dende onde se teñen que tomar estas medidas. Polis (cidade) e política proceden do grego, e ambas palabras non están moi afastadas en canto ao que supoñen para acadar un contexto beneficioso para o ser humano. A toma de medidas políticas é a que fai da cidade o espazo no que sermos mellores, no que entender a vida dunha maneira máis favorable para cada un de nós, e, por agregación, para o conxunto da cidadanía.

A política fai da cidade o espazo no que sermos mellores

É por iso que durante esta semana en que Pontevedra se converte na capital mundial do urbanismo, das cidades sostibles, dende unha proposta efectiva e práctica do que supón a conquista do público, daquel espazo que lle corresponde ao cidadán, no que a óptica política está moi presente porque aos políticos é a quen lles corresponde ter a sensibilidade e a valentía precisa para que esas medidas pasen dun plano ou dunha fermosa maqueta chantada nun despacho ao real, a onde nos movemos todos nós e onde imos a traballar, onde os nosos cativos e cativas van á escola, onde pasamos o noso tempo de lecer, onde, en definitiva, vivimos boa parte das nosas vidas.

Non poucas veces esa política non entende das razóns das evidencias, de percibir cara onde camiña o mundo neste complexo século XXI e se ofusca nas súas siglas de partido para negar ou mesmo para sumarse ao que unha gran parte da poboación, polo menos a que sente que a súa vida mellora con esas medidas, aplaude e pide que se siga nesa loita contra un pasado escuro que nos rodeou de fumes e asfalto, facendo das nosas vilas espazos secuestrados ao tomar certos camiños moitas veces de xeito inconsciente, pero que agora, que sabemos das dúas posibilidades, podemos escoller entre un e outro vieiro. A celebración na nosa vila da Placemaking week Europe, o evento máis importante desta materia no noso continente, é non só un aplauso ao acadado na nosa cidade, senón tamén ao orgullo que sentimos os que vivimos en Pontevedra. O orgullo de sentírmonos parte dese milagre que leva vinte anos subindo chanzos que outros están aínda hoxe comenzando a subir e que nos teñen como unha referencia. A toma de decisións nestas últimas décadas en canto á retirada de vehículos de onde non facían falta, a recuperación do ámbito urbano para quen era só un peón e agora é realmente un cidadán, reflicte á importancia da política nesa toma de decisións e cómo a escolla de quen propón entender o espazo público como parte do desenvolvemento do século XXI, no que cuestións como a sostibilidade, o ecoloxismo ou a igualdade, son imprescindibles para a axenda de todo colectivo, é a chave para o progreso ou para a involución, máis aínda cando vemos, e non temos que ir a desertos moi lonxanos para facelo, como aínda se discute todo o que hai detrás do camiño do éxito desta cidade que, non esquezamos é o éxito de todos, mesmo dos que coa súa negación lle dan a razón aos que nos levaron ata aquí. 

Comentarios