Blog

Ferve. Onde mellor?

A estrea do Festival Ferve en Pontevedra resultou un completo éxito en canto ás propostas da organización e a resposta do público, o que fai pensar na nosa cidade como sede permanente
Unha das imaxes que deixou o Festival Ferve na Alameda de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha das imaxes que deixou o Festival Ferve na Alameda de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Partiron os seus promotores dunha proposta que a priori xa semellaba dun éxito asegurado, como é a de xerar o ambiente dunha verbena galega nun contexto urbano e ao que á música se lle engadía unha especial atención á gastronomía. A esa faceta da nosa cultura que tanto éxito lle está a outorgar a Galicia e na que, partindo da nosa inmellorable materia prima, un bo feixe de autores e autoras, son quen de propoñer todo un rexistro creativo que nos coloca en posicións de privilexio en España nese ámbito. A iso sumémoslle todo o universo da cervexa que, da man dunha das marcas estrela desa bebida, non deixa de conquistar mercados e latitudes levando o nome da nosa comunidade cada vez máis lonxe para orgullo de todos nós, e que, por exemplo, neste recente tempo de vacacións do que gozamos, cando saímos fóra de Galicia e nos atopamos con esa marca é imposible non sentir un belisco na pel.

Agora, cando todo rematou tras unha fin de semana chea de público que participou de xeito moi activo e de forma permanente ao longo da fin de semana é hora de que a organización valore o feito, mellore certas cuestións que despois dunha estrea sempre teñen marxe de mellora e decidan a continuidade do evento nun espazo concreto. O certo é que cando se presentou este Ferve falouse da posibilidade de que cada ano a súa localización tería lugar nunha vila diferente, pero tras o visto na Alameda de Pontevedra un só pode preguntarse: onde mellor seguir facendo esta festiña que na cidade do Lérez? a vila que dá de beber a quen pasa, xa que, precisamente, se de algo trata este evento é de ensinar e de dar de beber como parte dunha programación que, en canto ao musical, foi perfecta a cargo de Esmerarte, cunhas propostas que foron in crescendo día tras día ata o delirio da xornada de remate coa presenza dun inmenso Xoel López que viña de poñer patas arriba a un multitudinario público totalmente entregado no madrileño Festival Dcode, e que tan só unhas poucas horas despois, con centos de kilómetros polo medio, converteu o mediodía do domingo en Pontevedra nun marabilloso frenesí festivo que demostrou o maxisterio musical do artista coruñés.

Con todo, o mellor foi o de poder xerar unha atmosfera propia, entre o arborado da Alameda, atractiva para o visitante nunha cidade acolledora como poucas, cunha estratéxica localización xeográfica no eixo atlántico e mesmo a pouco tempo dun Portugal cara o que esta Festa podería tamén ollar de cara a atraer públicos e mesmo opcións musicais. Demostrouse que esta actividade singulariza unha proposta que xorde da nosa esencia festiva pero a actualiza fronte á saturación festivaleira que estamos a vivir. Nese contexto, e dentro do claro posicionamento da cidade como actor relevante  na cultura, o turismo e a gastronomía, este Ferve non tería mellor acomodo que nese espazo que aínda ofrece moitas posibilidades de medrar se xa se comeza a traballar na súa seguinte edición.

No corazón de Pontevedra non só os produtos que se amosan no propio evento forman parte dela, senón que tamén toda a hostalería da contorna benefíciase do proxecto, o que explica que os prezos das consumicións, e polo que algúns puxeron mala cara, tivesen un prezo superior ao normal para non entrar en competencia cos que ofrecen os mesmos produtos durante todo o ano. Malas caras que, como adoita acontecer, non asomaron ao coñecer o prezo dos concertos, que eran de balde. Ver a Baiuca, Guadi Galego, Marilia Monzón, A Banda de Late Motiv ou Xoel López de xeito gratuíto ou poder asistir a catas de cervexa, demostracións e palestras dos nosos cociñeiros, tamén sen coste algún, ben merece un brinde ou un petisco pagando un pouquiño máis, nunha contorna privilexiada que poucas dúbidas ofrece sobre onde repetir Ferve.

Comentarios