Blog

Os libros tamén levitan

O cincuentenario da publicación de 'La saga/fuga de J.B. e celebración da Festa dos Libros converten ao libro no exemplo perfecto de imaxinación e liberdade

ERA o mes de abril de 1972 cando do prelo da barcelonesa editorial Destino saía a primeira edición da novela de Gonzalo Torrente Ballester, La saga/fuga de J.B., a gran novela de inspiración pontevedresa nunha cidade que ten, dende entón, nese texto, unha sorte de Biblia do que supón somerxerse nun colectivo. converténdoo no sustrato dun relato maiúsculo.

LA SAGA FUGA DE JB DE GONZALO TORRENTE BALLESTER CUMPLE CINCUENTA AÑOS
Detalle de la portada de 'La saga/fuga de J.B.'. 

Cincuenta anos despois, e esquecida esa lembranza do seu aniversario polos nosos diversos próceres, achegarse a esa novela, conectala co que supón o contexto histórico, social, mesmo lexendario de Pontevedra, é a mellor homenaxe que se lle pode facer ao escrito por quen foi o noso veciño entre os anos 1964 e 1966, e quen, en tan pouco tempo, entendeu que esta pequena capital, asentada na desembocadura dun Lérez que se abre ao océano, tiña entre os seus infindos misterios a capacidade para suspenderse no aire, para cando se ensimisma hasta cierto punto, un punto máximo claro, la cima del ensimismamiento, asciende en los aires, en una palabra, levita, y no desciende hasta que no deja de pensar, de interesarse por algo suyo y piensa o se interesa por algo ajeno.

Esta marabillosa frase, que debería estar chantada nalgún monumento que lembrase aquela estadía, ou mesmo sobre as pedras da cidade polas que pisaba Torrente Ballester cada mañá ao ir dende a súa vivenda da rúa Arcebispo Malvar ao Instituto Feminino, o actual Instituto Valle-Inclán, no que daba clase, é só unha dos centos e centos de frases que fan da novela un incríble imaxinario do que a literatura é quen de acadar cun territorio tan singular como o da nosa cidade. O escritor ferrolán soubo entender como poucos a especificidade pontevedresa, a súa capacidade para conformar unha identidade de relatos, personaxes, relacións, delirios, excentricidades, paixóns ou mesmo soños que, ao longo dos séculos, cohabitaron cun escenario máxico de pedras, igrexas, portos, prazas ou cafés nos que a vida se desenvolvía cunha apracible sinxeleza que ao tempo se mergullaba nas brumas dun pasado lexendario e mítico.

Dende hoxe e ata o domingo, nunha desas prazas, a da Ferraría, ábrese ao público unha nova edición da Festa dos Libros, ao tempo que se abren centos e centos de libros que poden ser mercados por uns lectores que en Pontevedra seguen mantendo acesa esa paixón literaria que vén de ben atrás e que cautivou a Torrente Ballester da man de personaxes como Filgueira Valverde ou Manuel Domínguez, contadores de historias que puxeron sobre a pista ao creador de Don Juan do que podía ser quen de facer e, finalmente fixo, se se deixaba suspender no aire por esta cidade e ollaba entre as nubes ao todo ese bestiario humano que se move arredor dos séculos e dos diversos J.B. 

Non sei se haberá nos postos das nosas afoutas librarías locais algún exemplar á venda de La saga/fuga de J.B., posiblemente relegado pola abrumadora e excesiva cantidade de novidades literarias que propoñen as editoriais cada ano, pero se o hai, e aínda non leron este libro, non lles podo recomendar outro mellor para converter este verán, xustamente o do cincuentenario da súa publicación, nunha auténtica festa literaria e mesmo vital para entender moito do que somos como tribo e que aínda ninguén foi quen de mellorar.

O mesmo que a Pontevedra levitante de Torrente Ballester os libros tamén levitan, cada libro nas nosas mans é unha maneira de subir uns centímetros sobre o solo, a maneira de converter a imaxinación nunha especie de alas que nos permiten achegarnos a outras realidades ou tamén, co cambio de perspectiva, ollar cara nós mesmos de xeito diferente. Cada título, cada libro, cada proposta que se nos fai dende os diferentes postos desta Festa é un convite á liberdade, á nosa por adentrarnos noutras vidas e ás dos propios autores que fixeron desa liberdade de propoñernos unha historia un xeito de conquistar novas posibilidades creativas.

Se pensamos en Gonzalo Torrente Ballester sentado fronte á máquina de escribir, co seu moderno magnetófono ao lado, mirando dende a súa fiestra cara a A Caeira ou a ría con todas esas historias que lle contaban os seus compañeiros do claustro do Instituto, pensamos nun hombre cheo de dúbidas sobre cómo resolver todo iso que se estaba axitando no seu cerebro e cando, precisamente se algo lle interesaba, era cómo darlle forma aos seus libros dun xeito orixinal, mesmo atrevido e arriscado, e así o comprobamos con este título e cos que o rodearon no tempo, Don Juan, Off Side  e Fragmentos del Apocalipsis, na que é, posiblemente, a produción máis sobranceira da súa sempre destacada obra.

Esa liberdade, esa valentía é a que ten que levarnos a gozar da Festa dos Libros, a apostar polos escritores que nos ofrecen as nosas librarías, esas que durante todo o ano realizan un labor impagable de difusión do libro e de dinamización da cultura que as converten en espazos de resistencia. Esta é tamén a súa festa, e a oportunidade de que dende o corazón da cidade sexamos quen de devolverlles en forma de agarimos e compras todo o que nos ofrecen ao longo do ano. E se non atopamos alí La saga/fuga de J.B., a partir do luns, en cada unha delas, podemos facelo, e celebrar así os 50 anos dun cumio da literatura que, aínda por enriba, ten a Pontevedra como berce desa vila ensimismada de nome Castroforte del Baralla.

Comentarios