Blog

Melancolía e graza

A figura de María Zambrano formou parte da programación da Semana Galega de Filosofía de Pontevedra que tivo o título de 'Filosofía e tempo' e que revelou a importancia do tempo dentro do pensamento da malagueña
undefined
photo_camera Fragmento da cuberta do catálogo da exposición co gallo do centenario do nacemento de María Zambrano organizado pola Residencia de Estudiantes e a Fundación María Zambrano. FOTO DP

Volveu a Semana Galega de Filosofía a encher de reflexións a unha Pontevedra que ten na Aula de Filosofía Castelao un dos seus moitos orgullos vencellados á cultura e que vén de moi atrás. Foron días e horas de pensamento, de palestras e encontros arredor dese concepto tan atraínte para o ser humano como é o tempo e cal é a súa relación con el. Certamente todos somos tempo e da maneira en que nos entendamos con el definirase en boa parte aquilo que somos.

Filosofía e tempo foi o título que se converteu en activo para unha Semana Galega de Filosofía que chegou á súa corenta edición, que se dice pronto, e que tendo en conta os tempos que estamos a vivir aínda ten moito máis mérito. Nos tempos das prisas, do balbordo constante, das maiores distracións sobre a persoa, do etéreo da existencia, é impagable unha proposta como esta que te leve a escoitar a xente interesante falando de cousas, ás veces complexas e intensas, pero das que sempre xorden cuestións que nos fan mellores, a pouco que lle demos unha voltiña unha vez que saímos do Teatro Principal. Se aínda non tiveron a oportunidade de asistir a estas xornadas hoxe teñen o último día no que Francisco Conde, Carlos Callón e Arturo Leyte pecharán unha semana no que se debullou o tempo da mellor das maneiras posibles para o ser humano, como é pensando en nós dende o territorio da razón, xustamente cando esta aparece máis ameazada pola sociedade e, daquela, paradóxicamente, por nós mesmos.

Serían moitos os fitos salientables desta edición, como en cada unha das anteriores sempre se pode subliñar dende o persoal de cada un de nós algunha cuestión, e así é como se do pasado ano aínda lembro con estremecemento as palabras e reflexións dun Francisco Jarauta que leva dende o mes pasado coordinando un ciclo na madrileña Residencia de Estudiantes sobre Kafka, no ano do seu centenario, desta vez gustoume especialmente a recuperación da figura de María Zambrano e que vén a coincidir co cento vinte aniversario do seu nacemento en Vélez-Málaga, tamén nun mes de abril. Caprichos do tempo.

Cero dúbidas temos xa sobre as calidades intelectuais desta muller, seguramente a pensadora máis destacada da España do pasado século, e que, como aconteceu e aínda acontece con tantos nomes femininos, caeu no esquecemento, máis ou menos premeditado, e que só despois de recoñecementos como o Premio Príncipe de Asturias en 1981 e o Premio Cervantes en 1988 comezou a ser tida en conta máis alá dos círculos intelectuais. Algo que se subliñou co gallo do centenario do seu nacemento e os diferentes actos promovidos dende a Fundación María Zambrano e esa mesma Residencia de Estudiantes de Madrid na que Francisco Jarauta e os seus colegas reflexionan sobre aquel horizonte que Kafka percibía de destrución do ser humano e que a propia María Zambrano sufriu en pel propia co seu longo exilio e, polo tanto, converténdose nunha habitante do olvido.

Pois se algo nos quedou claro na xornada que se lle adicou á creadora de Claro de bosque foi a relevancia que tivo o tempo na súa obra referíndose a el como "O tempo é a pedra", sendo esa pedra sobre a que xira boa parte de toda a súa obra, sobre todo dende esa transición da razón cívica á razón poética que, tal e como titulaba aquel catálogo do seu centenario, explica ese caminar intelectual tan brillante que converte a súa mirada sobre diferentes ámbitos, dende o máis social ao artístico ou creativo, nunha alfaia da nosa cultura sobre a que hai que volver con maior frecuencia do que adoitamos facer. De aí a relevancia da proposta da Aula Castelao ao poñer o dedo sobre a súa figura como parte dese sempre preciso rescate do empoderamento feminino que, como poucas mulleres representa María Zambrano, mesmo dende a súa propia conduta vital. Un tempo de vida no que esa pedra funcionaba sempre como a pedra angular, o eixo vertebrador do seu pensamento, da súa obra, e mesmo da correspondencia que dende o exilio mantivo con diferentes nomes da nosa cultura. Onte, a experta na súa figura, Isabel Balza deixou levedando no aire pontevedrés a dobre digresión do tempo en María Zambrano, o tempo da melancolía e o tempo da graza, algo tan complexo coma suxerente que nos leva a entender ese primeiro tempo como o da continuidade, o da duración, o tempo convertido en materia; mentres o segundo, o da graza, é o tempo habitado, no que emerxe a lucidez, o claro no bosque, a revelación, como revelación foi onte escoitar falar de María Zambrano en Pontevedra.

Comentarios