Blog

Muller e lingua

Paula Carballeira, Yolanda Castaño e Jaione Camborda completan un setembro de luxo para o sistema cultural galego dende a lingua como emoción e a ollada feminina como lóxica
(JLO_20220927_0041.JPG) 13 30 Rodaje en Vilanova de Arousa Localizacion https goo gl maps dbjV5kdNAJgV2oHv6 Citacion de la prensa para toma de imagenes y ver rodaje 14 00h Foto posada del equipo y a continuacion entrevistas con la directora Jaione Camborda y la pro
photo_camera Jaione Camborda, á dereita, nun momento da rodaxe de 'O Corno' en Vilanova de Arousa. FOTO JOSÉ LUIZ OUBIÑA

COMEZOU o mes de setembro coa noticia de que Paula Carballeira acadaba o Premio Nacional de Literatura Dramática coa súa obra ‘As alumnas’, e o último día do mes Jaione Camborda deslumbraba a toda España ao ser a primeira muller en lograr no Festival de Cinema de San Sebastián a Cuncha de Ouro polo seu filme ‘O Corno’. Polo medio, Yolanda Castaño lograba outro Premio Nacional, como non, o de Poesía, pola súa obra ‘Materia’, e todo iso cando aínda está vixente o Premio Nacional de Narrativa que a finais do pasado ano gañara Marilar Aleixandre por ‘As malas mulleres’.

Abofé que dende ningún dos recunchos de España poderían escribir un parágrafo como este que veño de rematar. Un relatorio que aínda estremece cando se escribe e que debería enchernos a todos de orgullo e mesmo de confianza nas posibilidades da cultura do noso país, polo que é quen de significar no resto do Estado para posicionar a nosa terra, así como un xeito de visibilizar aos protagonistas da nosa cultura aos que se lles engade o éxito e o recoñecemento a súa calidade da que aquí xa sabiamos ben dela.

A vindeira semana será a da estrea nos nosos cines de ‘O Corno’, que estes días tivo a súa prestrea en Compostela, na cidade de acollida e onde vive a súa directora, e que tanto dende o estrado do Kursal, onde recolleu esa alucinante Cuncha de Ouro, como cando se pon ante un micrófono, non deixa de gabar polo que supón vivir nunha terra e nunha cidade con ese pulo cultural tan singular e cunha lingua que converte o que se fai, e mesmo se sente, en diferente fronte ao que poderían ser outros ámbitos de traballo e vida.

Tanto ela como as súas compañeiras no triunfo non poderían explicar o seu traballo, a súa maneira de achegarse á realidade e de interpretar o seu papel nesa contorna, sen o que supón o emprego da lingua galega, esa mesma que aínda moitos adoitan perseguir sen o menor respecto aos que a falan e a queren. Do mesmo xeito esa coincidencia no feminino tamén é un síntoma dunha nova realidade que, afortunadamente, está a mudar vellos prexuízos que únicamente gababan o feito polas mulleres como unha sorte de cuota que había que cumprir cada certo tempo, pero que non se vía obrigada a recoñecer de xeito real esa calidade, aínda que esta fose maioritaria fronte ao masculino.

Todo este ronsel de premios coinciden non só en ser feitos por mulleres, senón que todos eles reivindican á muller e os seus posicionamentos individuais fronte a un colectivo tantas veces hostil coas súas liberdades. No caso de Paula Carballeira, a partir do exemplo da mestra republicana María Barbeito, e como dúas alumnas se enfrontaron dende aquela educación á vida a través de dous camiños diferentes nas seguintes décadas; Yolanda Castaño converteu a súa poesía nun maduro posicionamento ante unha das convencións da sociedade actual, definida pola case obriga da muller de ser nai e as inquedanzas que suscita a súa negativa a selo; Marilar Aleixandre fixo do relato das condicións de vida das mulleres reclusas no cárcere da Galera na Coruña a finais do século XIX a cerna do seu relato, e como outras mulleres, entre elas Concepción Arenal ou Juana de Vega, tentaron mudar esa situación; e Jaione Camborda, cunha historia ambientada no ano 1971, fala da actividade dunha parteira e a súa obrigada fuxida a Portugal, tecendo toda unha rede de solidaridade entre as mulleres arredor do feito da maternidade. Unha película que propón moitas fronteiras, físicas e mentais, que tentar superar para poder acadar esa liberdade irrenunciable para calquera ser humano.

Mulleres, polo tanto, falando de mulleres, contándonos cómo entender este mundo tantas veces tan agresivo con elas e no que os homes temos que estar cos sentidos alerta para correxir tanto e tanto do que fixemos e facemos mal. Ler estes libros, asistir a esa obra de teatro ou ver a película nunha sala de cine, son maneiras de que tamén nós participemos desas miradas que tentan cambiar discursos moi presentes e vixentes aínda na nosa sociedade. Nestes tempos de remudas mentais, sociais, culturais ou políticas arredor da situación sufrida pola muller ao longo de tantos anos, a cultura, e, neste caso a cultura feita dende Galicia, é quen de entender moi ben desa necesidade, facéndoo a través dun monllo de mulleres con carácter, que teñen moi claro o que teñen que dicir e cómo facelo, e que ao mesmo tempo nos fan mellores a todos nós.

Nuns tempos cheos de propostas reaccionarias, de persecucións ás linguas oficiais, de non avanzar na igualdade dos xéneros, de cada vez máis restrinxir as liberdades de certos grupos de poboación, afastándose da mellor convivencia entre todos e mesmo desa Constitución que moitos só empregan para o que lles interesa, a cultura galega non baixa os brazos e, máis alá dun papel de mera resistencia, o que ofrece son excelentes vieiros polos que movernos para, entre todos, poñerlle freo a esas derivas autoritarias, ao tempo que nos iluminan con historias cheas de vida e forza, de raiba e de desexo porque as súas protagonistas cumpran os seus soños, ou, cando menos, lles deixen soñar.
Dicía Yolanda Castaño estes días nunha entrevista con Alicia G. Liste no Praza que "As veces hai que soñar o imposible". Soñan as protagonistas desas obras, pero tamén soñan as súas autoras no desexo de materializar as súas ideas nos xéneros nos que traballan. Poesía, novela, teatro, cinema convértense en soños feitos realidades que, cando acadan este tipo de galardóns, deixan de soños para ser unha bandeira de orgullo na que envolvernos todos nós.

Comentarios