Blog

Museo Torres. 30 anos despois

Cando se cumpren trinta anos da inauguración do Museo que leva o nome do pintor Manuel Torres, e tras unha recente reforma do mesmo, aínda se está lonxe de amosar o seu potencial
Mesa presidencial do acto de inauguración do Museo Manuel Torres de Marín o 24 de marzo de 1992. RAFA
photo_camera Mesa presidencial do acto de inauguración do Museo Manuel Torres de Marín o 24 de marzo de 1992. RAFA

O 25 de marzo de 1992 Diario de Pontevedra levaba a súa portada a noticia da inauguración do Museo Manuel Torres de Marín, no que se depositaba o legado cedido polo propio pintor ao seu pobo natal para o disfrute dos seus veciños. Cúmprense, polo tanto, trinta anos daquel acto que deixou nese Concello un tesouro artístico e cultural de indudable importancia a través da obra dun dos pintores máis sobranceiros de Galicia, integrante da mellor xeración da nosa pintura, como foron Os Renovadores que, nos anos trinta, fixeron da súa obra unha reclamación da identidade galega dende as novas formulacións pictóricas das vangardas que viñan a rachar coa pintura máis académica e rexionalista. Maside, Laxeiro, Colmeiro, Souto e Torres forman esa xeración mítica da nosa arte, dentro  da que a figura de Manuel Torres sempre é a que pecha ese listado, como se fose o último da fila, cando a súa pintura está ao mesmo nivel da de calquera dos anteriores. O certo é que a dimensión da súa figura non acaba de poñerse en valor, tendo a nosa sociedade aínda pendente un maior coñecemento e aplauso da súa obra.

É indudable que, tendo un Museo co seu nome, e con boa parte da súa obra alí, ese centro tería que ser o verdadeiro motor para impulsar o maior coñecemento de Manuel Torres, a través da difusión da súa obra e do impulso de diferentes actividades que melloren esa percepción pública do pintor marinense.  A recente reforma destas instalacións, sempre pendentes para un mellor aproveitamento en exclusiva do legado Torres da creación doutro centro cultural na vila que permitise focalizar no seu Museo todas as actividades na obras e na figura de Manuel Torres, están moi lonxe de reivindicar todo o potencial do pintor, que tería que ser un dos grandes reclamos da vila, cando o realmente difícil é poder contar cunha figura da que gabarse.
 
O primeiro que sorprende é que no exterior, ao pasar pola Avenida de Ourense, non exista unha indicación axeitada da presenza dese Museo e do seu contido que permita á xente que emprega esa rúa, con moito paso de turistas en vindeiras datas, plantexarse a visita ao Museo. Cando accedemos a el, na nova decoración da entrada, atopamos unha boa idea, impactante, pero mal resolta, ao non confiar esas grandes imaxes de benvida ao que en verdade singulariza a obra de Manuel Torres, como poden ser as escenas coa xente de Marín, as súas peixeiras, as famosas regateiras, ou calquera outra actividade dos traballadores vencellados ao mar; ou mesmo as vistas de espazos tan senlleiros da súa obra e vida como a tantas veces pintada Banda do río. Tamén botamos en falta nesa benvida, acompañada de datos sobre a vida e pensamentos do pintor, algunha mención ao feito realmente importante da súa carreira, como é o formar parte desa xeración de renovadores da arte galega, da nosa vangarda, que é o que vai a definir o seu rol dentro da nosa arte xunto aos xa citados.

Pasamos a percorrer a exposición permanente e atopamos outra eiva relevante xa que, ao ter salas adicadas a exposicións temporais doutros pintores, encontrámonos cun complicado atranco para poder ver o maior número posible de obras, laiándonos de novo de que non todo o espazo acolla unha completa exposición permanente adicada a súa figura, que sexa realmente didáctica para o seu coñecemento, e que se podería completar de xeito puntual con mostras dos seus contemporáneos ou de pezas do propio Manuel Torres expostas noutros centros, con especial relevancia do Museo de Pontevedra co cal sería interesante establecer un fío directo para que ambas institucións traballasen en común no fortalecemento da súa figura. Os cadros que se mostran agora están ausentes de calquera criterio expositivo, sexa de carácter cronolóxico, temático ou técnico, semellando unha acumulación de obras incapaces de dimensionar a quen se tería que tratar co maior dos respectos.

Comentarios