Blog

O futuro do Mercado

A programación do Nadal que se desenvolve no Mercado de Abastos de Pontevedra recupera o potencial dun espazo que debe volver a ser un activo do comercio, a hostalería e a cultura na cidade, como acontece en diferentes espazos similares de todo o mundo
Actuación de Tony Lomba no primeiro andar do Mercado de Abastos de Pontevedra. FOTO DAVID FREIRE
photo_camera Actuación de Tony Lomba no primeiro andar do Mercado de Abastos de Pontevedra. FOTO DAVID FREIRE

ABANEABA O corpo de Tony Lomba sobre o escenario. A súa camisa amarela e o seu espectacular calzado alustraban no primeiro andar do Mercado de Abastos mentras unha chuvia miudiña deixaba un exterior de postal nunha fermosísima Pontevedra de Nadal. Fronte a el o numeroso público presente gozaba da súa música e do seu humor, ao tempo que erguían unhas cervexas  para brindar pola vida, a amizade e a alegría. Ao seu arredor toda unha serie de postos amosaban diferentes e fermosos traballos de variados e novos tipos de artesanía que se podían mercar como un perfecto agasallo de Nadal e mostra de confianza no bofacer de tanta xente. Un camareiro pousaba unha tortilla de patacas sobre unha mesa mentres era recibido con alborozo por un grupo de persoas que dubidadan entre seguir sentados e cravar o garfo na presa ou poñerse en pé para seguir os ritmos do noso crooner.

Un atmosfera marabillosa a que se puido vivir co comezo das actividades que, dentro da programación do Nadal do Concello, se celebran no Mercado de Abastos e que, ademais de ser un excelente xeito de festexar estas datas, permite recuperar o pulso dun espazo que agarda por volver ser o que foi hai uns anos, cando se converteu nun diamante en bruto, cheo de posibilidades, con todos os postos adicados á gastronomía ocupados, cunha masiva resposta do público, e con actividades culturais que completaban o que debería ter sido un referente para a cidade neste tempo. Lamentablemente non foi así e o diamante quedouse en nada, perdendo todo o seu brillo, sen apenas opcións gastronómicas para xerar interese entre os clientes, sendo moi de aplaudir e de poñer en valor aos que resistiron ata hoxe, tamén con moi escasas accións para fidelizar a ese público que cando comezou esa aposta por dinamizar este gastroespazo amosou o seu interese por el.

Aos que nos gusta viaxar sabemos da importancia deste tipo de espazos que adoitan ser un referente moi coidado polo seu potencial e a súa capacidade de atracción de clientes, veciños desas cidades ou turistas, e polo seu valor como posible activo para que a súa contorna urbana tamén se vexa beneficiada por ese dinamismo. O certo é que os mercados, normalmente posuidores de vizosas arquitecturas, caso do noso firmado por César Portela, son un inmellorable ámbito para aunar esforzos do comercio, a hostalería, a cultura... diferentes vectores que poden converxer nun espazo activo, cheo de vida, e que ao longo de todo o ano sexa unha opción máis para a cidadanía.

Anúnciase para o novo ano unha volta a aquel espírito inicial e que de novo nas mans de Anabel Gulías, perfecta coñecedora desas posibilidades xa que ela foi quen tallou ese diamante, non nos cabe dúbida que volverá a converterse en toda unha referencia. Xa se fala dunha potente inversión económica, necesaria, sen dúbida, pero moitas veces é máis precisa a confianza e a ilusión nas cousas que os cartos, da ampliación da oferta gastronómica, da recuperación da Sétima Feira, da chegada da sempre eficaz e sorprendente Escola de Hostalería Carlos Oroza, dun mercado creativo e mesmo de potenciar ese vencello co exterior, cunha rúa Serra que podería formar un todo co que acontecerá no interior dese Mercado que tamén ten que afrontar diferentes obras en canto á mellora das súas infraestruturas e cara ao público.

Se Madrid, Florencia, Lisboa ou Porto, esta última vén de renovar por completo o Mercado do Bolhão, cun resultado espectacular, dispoñen deste tipo de centros cheos de actividade, de oportunidades para empresarios, de atractivos para o público, Pontevedra no pode quedar á marxe diso, máis aínda tendo todo o necesario para que funcione. Un espazo interior e exterior de calidade, unha materia prima inmellorable na planta inferior, e todo un potencial de profesionais da hostalería, cociña, restauración... que non deixan de soprendernos ano tras ano e que aquí podería ter un complemento perfecto a todo ese traballo que vemos a diario en diferentes locais dunha cidade que segue a mellorar esta oferta para o cidadán, de feito nas últimas semanas asistimos a apertura de non poucos espazos con diferentes ofertas gastronómicas e que nos están a posicionar de xeito importante nese sector.

Os concertos de Tony Lomba; Flip Corale, onte; hoxe, V de Maceta; mañá, Su Garrido; e o domingo pola mañá unha festa infantil con cotillón de fin de ano recobran o latexo do Mercado, acompáñannos nestas festas e, sobre todo, activan a nosa esperanza na recuperación deste espazo como parte da oferta de comercio, ocio e cultura de Pontevedra. Unha triple alianza con infinitas posibilidades que oxalá chegue a bo porto neste novo ano que está a piques de comezar. Feliz 2024!

Comentarios