Blog

Outra vez o mar

G
photo_camera Voluntario na procura de granulados na praia de A Mexilloeira no Grove. FOTO JOSÉ LUIZ OUBIÑA

OUTRA vez o mar. Sempre o mar. Un espello permanente fronte a nós ao que non se pode enganar e que de cando en cando non dubida en poñernos roibos, teimudo con aquilo que non lle pertence. Ora chapapote ora pélets, ou granulados, como di a RAG que os debemos chamar, o mar trousa na nosa cara para que espertemos ante o permanente desleixo pola contorna natural.

E mentres o mar tenta resolver a nosa incompetencia como especie a política amosa, de novo, a súa incapacidade para afrontar os problemas, por mirarlle aos ollos ao que supón un desequilibrio cheo de medo polas súas consecuencias, sen entender que a ocultación, a neglixencia ou botarlle as culpas a outros é a contaminación máis grave que nos podemos atopar. Unha vez máis as nosas praias énchense de elementos alleos a elas, desta vez plásticos cuxa toxicidade real é, xustamente, a de estar onde non deben, onde acabarán en maior ou menor medida integrándose na cadea natural e, finalmente, en nós mesmos.

Isto non é cousa só dun contedor que caeu ao mar, senón dun sistema depredador no que estamos inmersos, sempre a mercede dos que actúan sen consecuencia algunha fronte aos seus actos. Océanos cheos de toneladas de plásticos reflicten a nosa perniciosa coexistencia co medio natural sempre baseada no aproveitamento máximo e sen telo en conta. Cando pola nosa culpa ten lugar un destes verquidos de produtos contaminantes pisamos o acelerador da nosa responsabilidade, pero todo un enxame de bandeiras, paraísos fiscais ou empresas nos máis variados países fan imposible que aquilo de que quen contamina paga sexa unha realidade e todo esvaece como unha parte máis do pesadelo.

O certo é que aínda estamos á espera da verdadeira dimensión deste triste acontecemento que volve a encher a costa de incertidumes e dunhas bágoas que agora semellan ser físicas, polas formas deses granulados. Levará tempo saber das súas consecuencias e gravidade para o noso medio, pero agora mesmo o preocupante, o que nos debería outra vez facer reflexionar e cómo afrontamos este tipo de situacións que, pola nosa situación xeográfica, non dubiden que seguirán repetíndose, con independencia de quen estea á fronte dos servizos públicos que teñen que facer da súa resposta o garante ante as nosas propias desfeitas. O certo é que o visto nas últimas semanas danos poucas garantías de cales son esas respostas, sempre asulagadas polas leas políticas e aínda máis cun proceso electoral á vista. Pero máis alá disto hai cuestións que deben estar afastadas da confrontación e que os responsables políticos lonxe de ser quen de domesticar, semellan axitar dende unha perigosa negación da realidade, así como pola súa variabilidade na toma de decisións que o único que fan é axitar as nosas preocupacións.

A sensación que temos é a de non ter aínda asumidas aquelas leccións, evidentemente xurdidas dunha situación de moita maior gravidade que a actual, que vivimos co Prestige, pero o que si é certo e que o xeito de actuar responde a un mesmo patrón que á vista do acontecido non deixa de sorprender por esa ausencia de firmeza dende o primeiro momento, como se agardásemos que o mar gardase no seu interior aquilo que nos acusa directamente ou que dende Madrid teñen que asumir unha reacción antes que nós.

"Eu cacheaba tódolos segredos/ das miñas mans baldeiras/ por que algo foi que se me perdeu no Mar", escribiu Manuel Antonio, que se algo sabía era de mares escritos con maiúsculas. Hai cousas que non se poden manter en segredo e menos se Feijóo, na madrileña rúa Génova, xa sabía o 13 de decembro desa chegada de granulados, como diferentes organismos dependentes da Xunta, e nós aínda non. A partir de aí o silencio convértese nunha perda de tempo e nunha irresponsabilidade daqueles que en primeira persoa deben tomar decisións e informar á unha cidadanía que, por favor non o dubiden, é quen de entender as cousas. O que non entende son as continuas viradas no que tería que ser un rumbo certo, o non deixarse axudar e non pedir medios ata case un mes despois de saber do verquido, de mensaxes á poboación que cada corenta oito horas son diferentes aos anteriores, por non entrar en andrómenas científicas sobre toxicidades ou aparatos dixestivos que, de non ser pola preocupante situación na que nos atopamos, levaríanos á unha gargallada que se imporía ao rubor de comprobar nas mans en que estamos.

O certo é que volvemos, de novo, e xa son demasiados "de novo", á sociedade civil asumindo responsabilidades con aparellos que non sabemos da súa efectividade e repercusión na natureza, pero si da dignidade das súas accións. Ela non entende de eleccións nin de permanentes confrontacións entre administracións, ela só entende do que cada un de nós temos que facer para respostar a outro aldraxe á nosa terra que, como tantos recunchos do planeta, non é allea á sociedade do lixo que somos, o reflexo dunha opulencia que se traslada a un medio ambiente de plásticos que coloniza mares e estómagos. A nosa fugacidade semella que só lle sobrevivirá o residuo. Saibamos estar á altura, lonxe de cálculos interesados, e sexamos dignos da nosa terra.

Comentarios