Blog

Ozono troposférico

Un informe de Ecoloxistas en Acción sitúa a Pontevedra á cabeza en España en canto á menor presenza de ozono troposférico na atmosfera o que redunda no noso benestar
 
20130522_Jcervera_109
photo_camera 20130522_Jcervera_109

EN Pontevedra xa decidimos fai un tempo que entre o ozono estratosférico (o bo) e o ozono troposférico (o malo) preferimos quedarnos co primeiro e loitar contra o segundo. Se eu fose o alcalde Lores e á vista deste informe, xa estaría tardando en convidar a algún especialista ao próximo Congreso que se celebre en Pontevedra, no que se fale de urbanismo e de proxectos de cidades que lideren a súa adaptación as nosas obrigas e necesidades coa contorna no século XXI, aliviando, da maneira máis decidida posible, as consecuencias do cambio climático e as mortes provocadas polas vagas de calor que mesmo estamos a sufrir nestes días de outono. Unhas mortes que un estudo do Instituto de Saúde Carlos III cifrou en 235 en Galicia e arredor de 4.800 en toda España. Poucas bromas!

Nese Congreso podería explicárselle aos que aínda defenden a non eliminación de tráficos urbanos cales son os seus efectos na atmosfera e cómo iso empeora a nosa saúde mediante o dano ao desenvolvemento pulmonar, agrava o asma e a diabetes, aumenta o risco de infarto e aumenta a mortalidade dos pacientes con enfermidades crónicas. Cuestións o bastante serias como para non apostar porque as nosas cidades non precisan de tráficos que as crucen sen ningún criterio, enchendo de polución o aire e, como xa está máis que demostrado, afectando a nosa saúde.

O informe de Ecoloxistas en Acción refírese á melloría que nese aspecto rexistrou Pontevedra, situándose á cabeza dos mellores rexistros xunto a Logroño, Gran Canaria e Tenerife na eliminación dese axente contaminante. Se durante a pandemia e os diferentes confinamentos, coa menor actividade do ser humano nas nosas rúas, ese ozono troposférico rexistrou un descenso xeral nos seus índices, o regreso á normalidade, cos nosos fermosos desexos de que nada volvería a ser o mesmo gardados nun caixón, rexistrou un incremento nos valores previos á pandemia. Evidencias que deixan ben claro a necesidade de que as cidades se adapten ao ser humano e non a quen alimenta eses desastres medioambientais.

A ese Congreso tamén convidaría, que seguro xa o están pero sempre chama a atención a súa ausencia, pese a calidade dos ponentes, a esa oposición que por terra, mar, aire, prensa ou mesmo con notarios polo medio, non deixa de pedir que os coches sigan entrando a cano libre na nosa cidade, por moito que o pretendan disimular co seu clásico «o modelo si pero non así». Aínda máis sorprende, e mesmo preocupa, cando son médicos ou arquitectos, que deberían fomentar as melloras en saúde e espazo público, os que reclaman que os escapes se impoñan aos espazos libres para que os peóns se movan sen a tiranía dos fumes estando demostrado que a cidade funciona perfectamente sen todos eses coches que, aínda por riba, estragan a nosa saúde. Ninguén, ou polo menos ninguén afastado das siglas dos partidos políticos, pode negar que esta Pontevedra é moito mellor que a que aínda lembramos (e non esqueceremos) de fai vinte anos, cando o ozono troposférico campaba as súas anchas polas nosas rúas, que agora, cando é a súa desaparición o que nos dá a razón en canto a cómo limitar a súa presenza, sendo en Pontevedra a máis baixa de toda Galicia, afastándose duns datos que, en certos días do verán, preocuparon na Consellería de Sanidade pola calidade do aire que respiraban os galegos.

O orgullo de liderar esta clasificación á que moitos non lle darán importancia, da que mesmo algúns se rirán, pero que segue as indicacións da Organización Mundial da Saúde, ten que ser o mellor pulo para seguir nesa progresiva eliminación do que contamina e que hoxe xa non ten sentido en sociedades comprometidas co seu tempo. Toca avanzar no que funciona, no que nos fai mellores. Na redución de tráficos, na conquista do espazo público para o cidadán e na recuperación de espazos verdes que, non só ao arredor da cidade, senón mesmo no seu interior teñen todo o sentido.  

Comentarios