Blog

¡Qué cosa tan curiosa!

O Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza e a Asociación Évame Oroza celebran un xantar que lembra ao poeta cuxo centenario do seu nacemento se conmemora nuns meses cheos de actividades culturais arredor da súa figura
Carlos Oroza_jcervera_032
photo_camera O poeta Carlos Oroza fotografado en Vigo en 2010. FOTO JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Somos o Oroza". Esta é a frase coa que o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza se define no texto que se inclúe no extraordinario libro Oroza 100 co que a asociación Évame Oroza celebra o centenario do nacemento do poeta nado en Viveiro en 1923 e falecido en Vigo en 2015. Unha publicación enmarcada dentro dunha sucesión de actos que propiciou numerosos acontecementos para lembrar, recuperar e activar a figura de quen lle deu o seu nome a ese marabilloso centro de Hostalaría que tanto nos enche de orgullo aos pontevedreses, sorprendéndonos cada día dun xeito máis intenso por esa mestura de cualidades e ilusións arredor da gastronomía.

Compartir un xantar hoxe será un deses últimos actos de louvanza deste Ano Oroza, un recordo colectivo arredor da mesa para gabar a quen nunca destacou especialmente polo seu interese alimenticio, máis alá do estritamente necesario para a supervivencia humana. Nese libro, no que se reúnen numerosas colaboracións de persoeiros da cultura que dan a súa opinión textual e gráfica sobre o mellor poeta oral español do século XX, os xestores do Centro Carlos Oroza recuperan na súa colaboración unhas palabras do poeta á miña compañeira Belén López nunha entrevista na que falaba da súa relación coa cidade de Pontevedra, na que viviu durante un tempo, onde tivo numerosas e experiencias e amizades de pintores como Manuel Ruibal ou Manuel Moldes, ou do crítico de arte Antón Castro, que tamén participa no libro describindo a surrealista noite dun Oroza performer cos seus ouriños na praza de Barcelos. En definitiva, unha Pontevedra moi presente na súa cartografía vital á que adoitaba regresar e da que dixo: "Es una ciudad muy culta Pontevedra, siempre me he sentido muy querido. Es un poco mía. Le dieron mi nombre a un instituto. De hostelería. Fíjate, yo un tipo tan delgado, enjuto. ¡Qué cosa tan curiosa!"

E si, si que é ben curioso, se nos deixamos levar pola primeira impresión, por ese impacto dunha figura aparentemente tan fráxil, pero, ollo!, do mesmo xeito a como acontece coa cociña, as primeiras impresións non adoitan ser as máis importantes, senón que hai que profundizar nas cousas para ter unha visión máis completa da realidade. Oroza 100. Un percorrido gastronómico é a maneira coa que se nomea ese menú que se servirá e cociñará polos alumnos do Carlos Oroza coa supervisión dos seus mestres, e ben sei que será todo un acerto, xa que un deses elementos imprescindibles para o éxito dese centro, o profesor Ricardo Fernández, leva varios meses cun curso acelerado de poesía oroziana. Gozaremos así dunha maridaxe literaria gastronómica coa que se sorprenderá aos comensais, a todos aqueles que lembrarán a Carlos Oroza comendo. Certamente, Que cousa tan curiosa!

Poeta do lévedo, Oroza, como Fernando Pessoa, presentábanse ante o mundo e seu espectáculo dende a súa liviandade física fronte ao balbordo e a contundencia da cidade. Ambos foron seres urbanos, ambos contiñan multitudes, como escribira outro xigante, Walt Whitman, e recentemente cantou outro poeta, este da música, Bob Dylan. Multitudes íntimas fronte a multitudes públicas. Escribe Alberto Avendaño, tamén poeta, tamén ser radical na súa liberdade creativa, na introducción que non é introducción a este Oroza 100 que "Preferimos el oroziano ejercicio de la pluralidad singular. yo y yo somos dos personas o lo parecemos". E así foi como exerceu de poeta Carlos Oroza, ben dende as mesas marmóreas do Café Gijón, xunto aos piñeiros do Caurel a carón do seu irmán Novoneyra ou no Vigo da súa etapa final  e o seu bendito encontro co editor Xavier Romero. O poeta desdobrado, o poeta cameleónico sobre territorios sempre suxerentes nos que pescudar alí onde lle era imposible acceder aos demais, e o facía dende esa actitude de permanente observación para logo deglutir as condutas humanas, tan fascinantes as veces como vergoñentas outras, transformándoas nuns versos apuntados máis na súa mente que sobre un papel.

Cando Oroza proxectaba a súa voz nos seus recitais todo adoitaba ser diferente. Cada palabra invocaba a unha imaxe, cada exhalación era un lóstrego vital que sacudía unha atmosfera completamente súa e que hoxe virá ao recordo de moitos que o coñeceron e doutros que o entenderán como unha lenda. E realmente é así. Dicía John Ford que "no Oeste cando a lenda se converte en realidade, publicamos a lenda". E niso estamos, escribindo a lenda de Carlos Oroza, a el, que tanto gustaba do Oeste, non só galego, senón tamén americano, por aquela xeración Beat coa que se lle relacionou e que nos bota a un dos seus poemas máis coñecidos, ‘América’, e o seu "Y Poe estaba americando". "Unha proposta radical que mantén a súa plena vixencia na actualidade, e que testemuña a modernidade estética (case visionaria) da proposta poética de Oroza". Isto escribiuno Antón Patiño noutro deses fitos deste Ano Oroza, o seu libro Océano Oroza. Alí fala de poesía, pero a nós tamén nos serve para achegar a poesía de Oroza ás receitas desta Escola de Hostalería das que podemos suliñar tanto "a súa plena vixencia na actualidade como a súa modernidade estética, case visionaria" e que confirma o bo tino de quen lle quixo poñer o nome de Carlos Oroza a esta Escola. A que xa non nos parece tan curioso?

Comentarios