Blog

Un novo Entroido

"Este es el pueblo de las iniciativas y del buen humor, capaz no solamente de organizar una buena comparsa, sino también de más altas empresas, porque hay que reconocer que Pontevedra, si bien figura entre las capitales más pequeñitas de España y puede decirse que cabe debajo de un brazo, es en compensación una de las más cultas e ilustradas" 
[El Carnaval de 1900. Enrique Labarta Pose]
Os de Sempre. carnaval 89
photo_camera Participación do grupo 'Os de sempre' no desfile de Entroido de 1989. FOTO OS DE SEMPRE

Tres cuestións marcan, a poucas horas do comezo do Entroido, os días de careta e anteface que se achegan a Pontevedra, auténtica referencia en Galicia destas festas, sobre todo se aludimos aos contextos urbanos.

Cartaz do Entroido de Kiko da Silva
Cartaz do Entroido de Kiko da Silva

A primeira delas, feliz e chea de orgullo, é o espectacular cartaz que decora de manera fascinante a nosa cidade e que, da man de Kiko da Silva, homenaxea a Perfecto Feijoo, a Ravachol e a Castelao, triángulo cultural, artístico e de amor a Pontevedra como poucas veces nos podemos atopar ao longo da nosa historia, dende a recreación do seu irrepetible O neno das piñas do que podemos gozar no noso Museo e que agora se converte en O loro das riñas. Con el o ilustrador despídese desta faceta que desenvolveu durante varios anos, todos eles sorprendendo, arriscando e facendo do que podería converterse nalgo funcionarial unha explosión de creatividade e compromiso coa súa profesión e que vén a sumarse a tantas e tantas achegas creativas como provocou o Entroido nesta cidade dende o século XIX, cando comerciantes e persoeiros de Pontevedra activaron esta celebración con datas tan sinaladas como as de 1876, 1888 e 1900, ou a de 1913, na que aproveitando as exequias fúnebres do papagaio Ravachol, incorporouse ao procaz plumífero ao olimpo carnavalesco da Boa Vila e, como non, o Entroido de 1984, que supuxo a recuperación nas rúas, tras a longa noite de pedra e o seu peche nas sociedades, dunha festa que, como poucas, implica humor, inxenio e subversión, tres características que deberían estar máis presentes en diferentes eidos da nosa sociedade.
Unha segunda cuestión é a que supón facer desta edición a celebración dos corenta anos dese regreso do Entroido á rúa. O seu lugar natural, onde non hai clases sociais, onde todos, provistos do que teñamos a man e un chisco de gañas de pasalo ben, somos iguais á hora de gozar convertendo o espazo público nun ámbito de desafío co propio día a día que vivimos nel. Aquela decisión tomada por un grupo de empresarios da cidade (e aproveito para mandarlle unha aperta moi forte e os mellores desexos de recuperación a un daqueles nomes, Pepe Shiva) despois dos recentes e tráxicos sucesos vividos na madrileña discoteca Alcalá 20 e o temor a que a acumulación de xente nese tipo de interiores puidese repetir na nosa vila un deses feitos, non puido ser máis atinada, e así, dende aquel ano, vimos como edición tras edición o Entroido de Pontevedra non deixou de medrar, de convocar a máis xente, ata o punto de ser o que é hoxe.

A terceira desas circunstancias especiais do Entroido deste ano tamén nos enche de orgullo, pero non é tan feliz, xa que falamos da despedida do grupo Os de sempre, toda unha referencia no noso Entroido que nos deixa, dende 1968, que se di pronto, momentos inesquecibles, risas a cachón nos desfiles e na Mostra da Parodia, e mesmo sendo os pregoeiros desta festa no ano 2014. Todo iso supón unha débeda infinita que é a que ten a cidade cos seus compoñentes ao longo de todos estes anos nos que o seu humor fixo destas datas e das nosas rúas espazos moito máis agradables para a nosa vida en común, sendo imposible esquecer aquelas representacións do Trolebús, a Banda de Música ou o seu Full Monty. José Antonio Dapena, Tucho ou Carlos Mouriño, membros destacados en diferentes momentos do grupo, son nomes que forman parte xa da historia do noso Entroido, converténdose en nomes a sumar aos daqueles pioneiros que viron o potencial destas festas para unha cidade chea de iniciativas culturais e que fixo do seu Entroido un dos máis relevantes, cun pouso histórico como poucas, e con figuras como o mítico Urco, ou os máis reais Irmáns Muruáis, Victor Sanmartín, José Manuel Brea ou Alberto Guerra, xente que xa non está con nós e que fixeron do seu paso pola nosa cidade un compromiso coas festas do Entroido, facendo delas o que son hoxe, unha das mellores de Galicia.

Veñen días de troula, de máscaras e diversión. Déixense levar polo maxín do Carnaval e sigan sendo protagonistas da festa, dun novo Entroido.

Comentarios