Blog

Un soño vermello

Na eliminatoria fronte ao Burela o Poio Pescamar de futbol sala feminino xógase acadar un deses soños que farían pasar á historia a un equipo e a un concello que merecen ese éxito
Celebración dun gol no último partido de liga fronte ao Burela. RAFA FARIÑA
photo_camera Celebración dun gol no último partido de liga fronte ao Burela. RAFA FARIÑA

Xusto fai uns días, manexando antigos xornais, atopei a celebración do Poio Pescamar tras o seu ascenso á primeira división do fútbol sala nacional, tras unha emocionante eliminatoria fronte ao barcelonés Rubí e da que precisamente onte cumpríronse dez anos.

Para os que cren nas cuestións cabalísticas e fan dos números unha especie de camiño marcado polo destino, que noutro ano rematado en tres o equipo vermello poida volver a facer historia acadando o título de Liga debería poñernos en alerta. Pero brincadeiras aparte, os que pensamos que as cuestións relacionadas cos éxitos deportivos teñen moito máis que ver co esforzo, o traballo, as ilusións e o tentar acadar un soño polo que levas loitando moitos anos, tamén estamos atentos ao que está facendo o equipo que dirixe Luís López Tulla, coa axuda de Kevin Noda, ao longo dunha tempada que xa é para enmarcar coa súa primeira clasificación para o play-off polo título.

Pero todo o feito durante a Liga pode quedar en nada ou selo todo, en función do que aconteza nas próximas semanas cando os catro primeiros equipos, os mellores do futbol sala feminino en España, decidan nos seus enfrontamentos quen será o vencedor e que no caso de Burela ou Futsi Navalcarnero, viría a ser case como un día máis na oficina, pero que no relacionado aos dous outsiders, o Poio Pescamar e o Melilla, sería acadar por vez primeira ese soño que por aquí todos queremos e empuxamos porque ese soño veña tinxido de vermello.

Mañá arrinca a posibilidade de subir un chanzo máis cara esa conquista, non será sinxelo xa que enfrontarse ao Burela supón loitar contra quen gañou dúas veces a Liga nos últimos tres anos, contra o recente gañador da Copa da Raíña pero sobre todo contra un equipazo que sempre xoga a un altísimo nivel cunha admirable estrutura deportiva ao seu arredor e un enorme apoio social na Mariña lucense. En definitiva, un poderoso enemigo co que batirse, pero que tras o visto nesta tempada o conxunto de Poio pode medirse de igual a igual, tal e como vimos a pasada semana cando o caprichoso calendario deixou como partido de remate da Liga un enfrontamento entre elas, que finalmente supuxo a victoria das de Poio e que o factor campo quede nas súas mans ante un posible empate no seu duelo particular, pero alén diso os que adoitamos ver os partidos destas mozas sabemos que teñen argumentos máis que suficientes para vencer ao Burela, así como para loitar polo título ata o último segundo dunha posible final. O compromiso que amosan en cada partido, a unión que manifestan en cada abrazo colectivo tras acadar un gol, a loita por cada balón ou a intensidade en cada encontro, son síntomas que completan a calidade como xogadoras de todas elas e o traballo que se fai dende a dirección técnica e que se traduce no xogo sobre a pista e que para todo aficionado que se achega ata A Seca supón un aliciente para gozar dun espectáculo deportivo que lle recomendo a todo aquel que lle guste este deporte e que teñen ben cerca a posibilidade de gozar del ao máximo nivel.

A aposta polo deporte feminino que dende Poio se leva facendo dende hai vintecinco anos, outra data redonda para festexar este ano, tería así cun triunfo na Liga a súa mellor celebración, a guinda do pastel a tantos anos de traballo e esforzo do club que preside Juanjo García e que ademais suporía para o Poio Pescamar ser o primeiro club da nosa contorna que sería campión da máxima categoría dun deporte en España. Abofé que falamos de toda unha xesta, pero os desafíos no deporte son precisamente iso, retos cos que superarse de xeito individual  e colectivo, e se algo están amosando estas mulleres ao longo destes meses é que son un equipo feito para superar cada chanzo que a competición lles obriga a subir.

É tempo de soñar, oxalá que eses soños sexan os soños vermellos dun equipo, dunha afección e de todo un concello.

Comentarios