Blog

Viva a banda deseñada!

Pontevedra estrea unhas xornadas que amosan a importancia desa arte na cidade
Trazo de xiz prado web_123321
photo_camera Detalle dunha páxina de 'Trazo de Xiz' de Miguelanxo Prado. FOTO DIARIODEPONTEVEDRA

Por primeira vez no estado español este venres se celebra o Día do Cómic. Unha data moi necesaria dentro da xusta reivindicación desta disciplina artística que cada vez máis está sendo así aceptada pola sociedade, sumándolle, ao seu valor como medio para o goce, unha incuestionábel suma de elementos de diferentes mundos da arte que os seus creadores introducen nas súas páxinas.

Pontevedra súmase tamén a esa celebración de xeito decidido, o cal ten todo o sentido polo importante papel que a banda deseñada está tendo no noso tecido cultural, ao que cada vez se lle suman máis contidos que non fan máis que potencialo. Se temos entre nós todo un templo do cómic como é a Libraría Paz, xestionada por Cano Paz e a súa tripulación, posuidora dos mellores fondos de cómic de Galicia, e toda unha referencia para os catadores de cómics, súmenlle a presenza do Garaxe Hermético, a única escola profesional de banda deseñada de Galicia, que se converteu nos últimos tempos nunha auténtica factoría de creatividade da que non deixan de saír extraordinarios creadores que terán nos próximos anos un papel protagonista nesta disciplina que xa o están acadando agora coa recepción de numerosos premios. Á súa fronte Kiko Da Silva quen, sempre na loita dos dereitos duns creadores que teñen aínda moito que engraxar en canto a realidade da súa profesión coas diferentes engrenaxes da industria, aínda ten tempo para editar cómics e para desenvolver o seu traballo persoal, o cal que xa me está facendo sufrir de máis vendo o tempo que lle está levando a súa banda deseñada Baixo a sombra das pedras flotantes, da que amosa os seus avances cada certo tempo polas redes sociais. Pero non queda aí a cousa, xa que tamén temos outra fantástica editora na nosa cidade,  acollida nos últimos tempos, como é La cúpula, dirixida por Natalia Mosquera, tamén presente nestas xornadas, producindo auténticas xoias dende a nosa cidade que chegan ás librarías de todo o mundo.

Pois con estes estéos tan firmes era cuestión de tempo que se activase un Festival ou unhas xornadas que servisen para achegármonos de xeito máis intenso a todo este universo a través do contacto cos creadores e cos diferentes profesionais do mundo do cómic. O propio Concello xa testou ese interese da cidadanía cunha serie de mostras que no Pazo da Cultura trouxeron á nosa cidade nomes tan relevantes como os de  Peter Bagge, Ana Juan  ou o taiwanés Page Tsou, en colaboración coa Universidade de Vigo, ou exposicións como a Arte no cómic coa Fundación Telefónica, de aí que era inevitábel que todo isto agromase nunhas xornadas como as que arrincan hoxe cunha primeira edición con moitos elementos de interese, non só para os profesionais, senón tamén para os afeccionados que poderán asistir a presentacións de cómics, a exposicións, como a de Ana Miralles-a autora do espectacular e abraiante cartaz desta primeira edición-, ou a adicada aos orixinais da mítica Dragon Ball, ambas no Museo de Pontevedra, ou a encontros cos autores que farán da sala superior do Teatro Principal o espazo no que acollernos a todos, compartindo ese lugar co do Museo de Pontevedra onde terán lugar os encontros dirixidos aos profesionais. En definitiva, un programa ben amplo e que senta uns alicerces moi importantes de cara a próximas edicións que oxalá se repitan como parte dese rexurdimento cultural dunha cidade que ten xa citas tan importantes e sen parangón no resto de Galicia como o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, o Festival Nubebes, a Festa dos Libros, os Domingos do Principal ou o Festival Novos Cinemas, iso si, aínda seguimos botando de menos e lamentando a perda da poesía que deixa, dende a ausencia de PontePoética, un ronsel de desacougo.

Consulten o programa desta BDra Gráfica e participen deste soño de debuxos e palabras que terá a guinda do bolo na presenza de Miguelanxo Prado, que o domingo pola mañá conversará con seu editor en galego, o propio Kiko Da Silva. O certo é que falar en Galicia de cómic é facelo de Miguelanxo Prado quen tantos camiños abriu neste medio e que cando un o escoita sempre transmite toda esa enorme complexidade do xa realizado cunha honestidade e sinxeleza admirábeis.

Fai poucos días el mesmo visitou a Libraría Paz para presentar unha reedición dun deses libros senlleiros na nosa edición gráfica, como é Trazo de xiz que, trinta anos despois da súa creación, aínda ten unha demanda o suficientemente ampla como para que saian novas edicións, como a presentada de Norma editorial, chea de contidos adicionais e nos que atopamos as claves desa nova linguaxe tanto visual como narrativa que se incorporaba ao cómic nacional dende unha proposta plástica moi vencellada a territorios pictóricos e literarios que formaron parte da educación do artista coruñés. Levo varios días con ese ‘Trazo de xiz’ ao meu carón e é imposible non deixarse levar por esa historia e eses escenarios e por cómo se tratan dun xeito artístico á altura de calquera outra obra de arte, de aí que estas xornadas teñan unha enorme importancia nesa validación do cómic como unha máis, a novena, das Belas Artes, que sumar ás seis máis clásicas, xunto ao cinema e á fotografía.

Fin de semana, polo tanto, para gozar dunha chea de produtos e propostas culturais cos que poder gabarnos dende unha cidade capaz de recoñelos e poñelos en valor fronte ao resto da sociedade, así que: Viva a banda deseñada!

Comentarios