Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Benvido Culturgal!

Como acontece nas mellores situacións coas que a natureza nos agasalla de xeito cíclico cada ano: as flores amarelas xogando entre o verde da primavera, un longo atardecer de verán no que se afunde o sol na Ría de Pontevedra, ou as estremecedoras primeiras cores do outono, chega no seu tempo o Culturgal. Unha benvida que precisamos e agardamos coa emoción daquilo que sabemos non vai facer máis que deixarnos bos momentos, emocións, orgullo e imaxes inesquecíbeis que visibilizan todo aquilo bo que se fai na nosa terra dende a sementeira da cultura. Primavera, verán, outono e Culturgal.

Estamos ante tres días nos que unha programación ateigada de actividades porá en valor o feito polos nosos creadores dende os máis diversos eidos da creación, pero tamén por diversos axentes culturais encargados de mobilizar todo ese traballo íntimo ata convertelo en público, acadando así o seu verdadeiro valor dende a personalidade que outorga a creatividade; pero tamén o valor económico, polo que ten de parte do tecido industrial de Galicia.

Cando un entra no Culturgal acada unha sensación semellante ao comezo dunha novela, ao entrar a formar parte dun relato cheo de camiños que tomar, de opcións que ante nós emerxen para que sexamos conscientes da diversidade da nosa creación. Tomemos como exemplo as primeiras liñas dun libro especial e cunha dobre condición de protagonista na Feira, ‘ 'Cartas de inverno' ’ do inesquecíbel Agustín Fernández Paz. O primeiro ámbito desa condición pertence á de ser este o primeiro Culturgal no que sentirmos orfos do bo de Agustín, pero cuxa presenza faise efectiva, xa non só coa súa imprescindíbel escrita, senón coa gran fotografía que, coma un faro, alumea no posto de Xerais e que cando un mira cara el sente o rumbo afouto que todos teriamos que seguir en cada un dos nosos eidos de traballo, dende o bofacer ata a honestidade e paixón polo que se fai; e o segundo deses protagonismos fala dun libro de éxito, un deses textos que simbolizan unha narativa, xa non só autoral, senón de conxunto de país, e así, a edición especial de '‘Cartas de inverno’', conmemora os 100.000 exemplares vendidos situando a este texto nun cumio ao que só chega ‘'Memorias dun neno labrego'. E isto son palabras maiores.

Pois, como no arrinque desta novela, con ese sobre cheo de misteriosos fíos polos que tirar, «os fíos da vida» dos que falaba Agustín Fernández Paz, bo coñecedor do tecido da vida, non deixan de ser os mesmos dos que podermos tirar nun Culturgal cheo deles. Son os fíos que compoñen a vida de moita xente adicada á facer cultura neste país: escritores, músicos, libreiros, poetas, actores, cociñeiros, artistas plásticos, artesáns, xestores, editores, institucións, xornalistas, deseñadores... e así unha morea de profesións e profesionais que xeran unha arañeira da que poder sentirmos ben ledos atrapados nela. Porque se algo distingue a un país é o afecto que este pode amosar pola cultura, abofé que o derradeiro reduto para a nosa reconversión moral como seres humanos cada vez máis ameazados neste ecosistema brutal, onde se marxina ao home e á muller en beneficio dunhas instancias insolidarias e que condean a todo o que teña que ver con ese espazo das Humanidades, dende os estudos, o respecto, o apoio, a difusión, e ata a súa consideración como parte daquilo que a eles máis lles gusta, a súa achega económica.

Camiñar sobre esa alfombra laranxa, percorrer os diferentes postos, conversar e coñecer o que fan os nosos profesionais é rodearse de todos ese fíos para sentirmos máis fortes nun país que precisa xente forte para seguir no vieiro do progreso. Outra desas facianas sobranceiras na Feira é a do próximo protagonista do Día das Letras Galegas, Carlos Casares, que no posto da súa querida editorial Galaxia, saúdanos con ese sorriso tan seu, case como se estivese acariñando ao seu gato Samuel, para convocarmos fronte ao gran alicerce deste Culturgal, a lingua, o fío común que lle pon o lazo do agasallo a toda esta festa da cultura. Benvido sexas, Culturgal! á Pontevedra do puntazo que un non se cansa de gabar polo que é, e por ser a casa que de xeito anual se enche de cultura e de bos espíritos, deixando as pantasmas pechadas noutras casas.

Comentarios