Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

A que sabe a poesía?

Como respostar a esa pregunta? Pois tras pasar un chisco no CIFP de Hostelería Carlos Oroza a un lle veñen unha chea de sabores: a queixo Marigold e a empanada de millo, a castañeta maceirada e a croquetas de ourizo, a meixelas de porco celta e a bacallau, pero tamén a Mencía e a Albariño , a rimas que non riman, a poemas horizontais nos que un pode esvaecerse deste mundo inhóspito, a voces que se expanden no infinito e a amores que nunca se poden nin deben esquecer. Ese é o sabor da poesía, nin máis nin menos que o da vida vivida, o das experiencias que se van pousando na pel e na alma, as apertas e os bicos, as amizades e as flores amarelas.

Que o Carlos Oroza homenaxee ao poeta que lle dá nome, non é máis que a rúbrica dunha maneira de entender a nosa sociedade da que moitos terían que aprender. A gastronomía como reduto independente do que somos, o orgulloso vieiro dunha forma de enfrontarse ao mundo dende a excelencia e a modernidade. Pero non a modernidade da vacuidade, senón a modernidade do progreso e a excelencia, esa que ten algo que achegar na construción dunha identidade.

Usade a Oroza !! exclamou onte Carlos Blanco , isto é, dubidar de todo. Protestar, sin comas nin puntos, como escribía o poeta. Sede libres, no texto, pero tamén na vida. «A liberdade do territorio interior» como dixo o editor Bieito Ledo falando de Carlos Oroza. Un territorio do que nos podemos apropiar dende a palabra, dende unha escrita que non lle chega á punta do pé da súa oralidade que seguirá retumbando na mente dos que o escoitamos nalgunha ocasión trascender do que somos, case levitar, como levitaba Carlos Oroza co aire do metro de Madrid ou as saias de Marilyn Monroe .

«Un rascacielos nunca podrá rascar el cielo. ¡Qué cojones!», deixou gravado o poeta de viva voz. Cantas tonterías se escoitan hoxe, aínda se escriben máis. Cantas distracións do realmente importante da vida como é o contacto cos demais, estando como estamos cada vez máis tecnoloxizados. Oroza sempre pareceu o home distante, o poeta na súa nube afastada do cotiá. Todos os que falan del amosan a súa cercanía, a amabilidade forxada na súa educación e a súa cultura longa coma os seus versos. Un día achegouselle nunha rúa de Pontevedra alguén que o coñecía. -«Carlos, que, paseando?». -«Non, traballando, lle contestou o poeta», e é que os poetas traballan as 24 horas do día, cada movemento é parte da súa acción. A anécdota púxoa sobre a mesa Uxío Novoneyra , fillo do Caurel que era o seu pai, tamén el, froito inmarchitábel dunha xeografía feita palabra que tivo o marabilloso contrapunto na urbanidade do Carlos Oroza que chegaba do Café Gijón . Alí, entre pizarras e toxos, construiron unha amizade desas que foi sementando o poeta ao longo da súa vida.

Outra delas foi a mantida con Manuel Lueiro Rey , a el adicoulle un dos seus libros, ‘'Cabalum' ’ do seguinte xeito: «Para el poeta amigo y escritor Manuel Lueiro Rey con recuerdo de unos tiempos poéticos y de lucha. Con un abrazo. Carlos Oroza». Poesía e loita. Así escriben a historia os poetas, dende a resitencia, dende a loita da palabra expandida na que con tan pouco dise tanto. Se onte nos achegamos á figura de Carlos Oroza, ata o 12 de xuño podemos facelo no Pazo da Cultura de Pontevedra á de Manuel Lueiro Rey, outro proscrito, un deses escritores fronteira entre o recoñecemento e a indefensión da cortedade de miras que aínda moitos practican, xa non só dende os púlpitos literarios, senón dende as redaccións dos xornais.

‘Europamos de tristeza’ escribiu o poeta, tan inventor de palabras coma calibrador de realidades. Morreremos de tristura se seguimos a esquecer aos poetas. Na escola de hostelería Carlos Oroza non o fan, e ben ao contrario, dende esas roupas sen oso, sen carne dentro, como nos deslumbrou co seu falar o pintor Antón Pulido , ao describir a figura esfameada do poeta, pódese construir todo un proxecto educativo á altura dos tempos. Simplemente sen esquecer de onde se ven, sabendo onde se está, e sobre todo, ollando cara un futuro do que os seus alumnos serán protagonistas.

Comentarios