Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Semente de dignidade

Parentes das vítimas na inauguración do Bosque da Memoria en Figueirido (Vilaboa). RAFA FARIÑA
photo_camera Parentes das vítimas na inauguración do Bosque da Memoria en Figueirido (Vilaboa). RAFA FARIÑA

ESPAÑA e Cambodia xuntas nun listado a nivel mundial. E pensarán vostedes que é o que pode arrexuntar a un país que se ten como do primeiro mundo, no que os nosos gobernantes peléxanse por darnos cifras que amosen a súa afouteza fronte ao orbe, e outro, un ausente, para nós, país do sudeste asiático. Pois agárrense que vai o dato: Cambodia e España lideran a táboa de países cun maior número de desaparecidos en foxas comúns. 

En España hai máis de 115.000 vítimas do réxime franquista neses enterramentos anónimos e vergoñentos para calquera país que se teña como civilizado. Este dato, que é unha labazada a todos nós como sociedade, leva dando voltas na miña cabeza dende que o vin hai un par de días no libro que Ian Gibson vén de publicar, El asesinato de García Lorca, a piques de cumprirse os 120 anos do nacemento do poeta granadino.

É probábel que Federico García Lorca sexa o máis coñecido de todas esas persoas, pero tanto el como a máis descoñecida das demais vítimas son merecedoras da nosa dignidade como colectivo, como sociedade madura que non o será nunca ata que a súa memoria, as súas memorias, sexan recuperadas como merecen. Outra vez coa memoria histórica! Pensarán algúns, e aquí me deixo levar por unha das moitas frases xeniais que Manuel Rivas nos ofrece no seu libro Contra todo esto (editado por Alfaguara e que próximamente publicará Xerais en galego): "Que futuro lle deixaremos aos nosos devanceiros". Un libro no que Manuel Rivas apela ao goberno para que simplemente cumpra as leis. Dez anos dunha Lei de Memoria Histórica ignorada, así como un recente informe da ONU no que se lle pide a España que cumpra os tratados que ten firmados para a reparación das vítimas.

Pero o noso Goberno ponse de costas a esta realidade e dá vergoña ver a Mariano Rajoy na Arxentina nunha homenaxe ás vítimas da Ditadura daquel país, nun Parque da Memoria, mentres esquece as do seu. Como de costas está todo un Goberno que ve como é o poder xudicial o que tenta arranxar as cousas, iso si, cos seus tempos de tartaruga en terra. Ese poder xudicial é o que vén de ordenar a recuperación de dous corpos nesa gran foxa de esplendor fascista que é o Valle de los Caídos ou o que en Madrid permitirá o cambio de nomes vencellados ao franquismo no rueiro da capital.

E xunto á xustiza o pobo, o pobo que ten que ser quen máis ordea (que ben soa isto nun 25 de abril) e que dá en moitos lugares resposta á indignidade de tantos. Así é como dous feitos estes días son semente de dignidade e o camiño a seguir para tentar normalizar un país que, lonxe de abrir feridas (outro territorio común da dereita), o que ten que facer dunha vez por todas é pechalas. Vilaboa e A Pobra do Brollón irmandadas, non como España e Cambodia, senón no orgullo que conleva honrar a memoria dos seus. O pasado sábado inaugurouse o ben chamado Bosque da Memoria en lembranza dos presos do cárcere franquista que funcionou en Figueirido entre 1936 e 1943, inzado polo colectivo de defensa da Memoria Histórica A Regaduxa. Un bosque que virá a substituír os laios e as bágoas polo axóuxere das súas follas movidas polo vento da liberdade e que se sufragou coa venda do libro Non des a esquecemento, de Luís Bará, no que se recollen moitas historias da represión franquista.

Unha semana despois dese acto, na Casa da Cultura da Pobra do Brollón, os restos de José Rodríguez Silvosa e Ramón Somoza Álvarez serán devoltos aos seus familiares. Ambos foron asasinados, tras pasar, despois do golpe, dous anos agochados no monte, e recuperados grazas ao labor da ‘Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica’. Eles, como Lorca, e tantos miles de nomes, precisan dun país que os recobre dende a semente que é a memoria. Unha semente de dignidade. 

Comentarios