Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Un anaquiño de vida

A vida só se pode explicar a partir de pequenos momentos. Instantes, fragmentos nos que se sintetiza o que somos afastados das soberbias que tantas veces nos confunden, sobre todo, cando tentamos ser o que non somos. A última moeda é unha curtametraxe estreada no Teatro Principal o pasado domingo e que está dirixida por Fina Casalderrey. Pero esa muller non é escritora?... e académica?... e reposteira maior?... e seareira do Teucro?... e moitas cousas máis, apunto eu, pero sobre todo se algo é Fina Casalderrey é mestra de escola.

Cada pobo, vila ou cidade deste país debería ter un monumento, sobre todo nestes tempos nos que se lle erixen estatuas a xente do máis dubidoso pelaxe, ás e ós mestres de escola, polo moito que fan por educar e por tentar manter vivo ese espírito da infancia que adoitamos perder tan cedo, para prexuízo de cada un de nós, pero tamén da sociedade. Esa defensa da infancia, xa non como unha etapa física, senón sentimental e chea de valores, é a que levou á mestra Fina Casalderrey á escrita, a esa misteriosa necesidade do ser humano por contar cousas, por artellar historias e, no seu caso, acariñarnos coas súas palabras. Dende hai xa un tempo esa necesidade prolongouse ata o cinema. Sempre con proxectos pequeniños de ambicións pero cheos dunha forza é unha tenrura que para si quixeran outras moitas producións con moitos máis cartos.

A historia dunha nena, interpretada por Galiza O. Casás en A última moeda é unha historia sinxela, un anaquiño de vida ante a que o espectador vese ante a necesidade de completala. De onde sae esa nena? en que medio vive? cara onde vai cando remata o filme? son só algunhas das preguntas que bulen na nosa cabeza tras ver a curta, pero mentres a vemos, todo iso queda suspendido no aire, nese camiñar cheo de inocencia pola Pontevedra antiga, por unhas pedras labradas de fermosura que contrastan coa pobreza que se agocha tras esa nena. Dende esa inocencia fainos cómplices do seu paseo pola cidade, dos seus chimpos de ledicia, das súas trasnadas, da súa intelixencia para subsistir pero, sobre todo, dun xesto final no que a través dun elemento tan sinxelo (que non lles podo desvelar) é quen de amosar todo o universo da infancia. Pureza, entrega, amor polos demais e xenerosidade sen esperar nada a cambio, con independencia do mal que a un a vida o teña tratado.

Ese anaquiño de vida emociónanos e volve amosar o talento de Fina Casalderrey, tamén o da produtora Piruleta Vermella e o de todos os que participaron dun ou doutro xeito nunha obra coral. Nenos, pais e mestres do colexio Marcos da Portela de Monte Porreiro, netos prestados polas avoas veciñas da escritora, e así ata completar un elenco que se remata coa presenza do noso querido gaiteiro Oscar Ibáñez, algúns cameos e os anxos da garda da nosa cultura.

Unha coñecida frase de Alfred Hitchcock di que: "Nunca se debe rodar con nenos, con animais e con Charles Laughton", para, ademais doutras maldades propias da súa personalidade, deixar constancia do complexo que é rodar con cativos. Facelo aquí tampouco foi sinxelo, pero Fina tiña moito adiantado, ela é, porque diso nunca se xubila un, mestra de escola, e pode ser que de travellings ou raccords non saiba todo o que ten que saber, pero de manexar rapaces pode facer unha tese.

Abofé que voltarán a ter a oportunidade de asomarse á historia desta nena, unha nena que converte a cidade nun paseo, nun diálogo coa rúa como fixeron outros nenos antes, como os inesquecibles protagonistas de El chico de Chaplin ou El ladrón de bicicletas de De Sica. Nenos aos que a vida non tratou moi ben e á que eles na pantalla berranlle ben forte dende a súa bendita inocencia.

Comentarios