Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Espertadores

A gran noticia do día é a volta aos colexios dos nosos cativos. Un regreso que marca a recuperación do ton vital das familias

Dous nenos van camiño do seu colexio. ADP
Dous nenos van camiño do seu colexio. ADP

SOAN DENDE este mércores de xeito diferente os espertadores. O seu silencio de verán substitúese polo seu balbordo matinal convertido nunha chamada para recuperar o latexo cotián das familias. É o son que nos di que hai que levar aos nenos ao colexio, que as aulas xa están abertas para acoller aquilo no que depositamos as nosas esperanzas cara un futuro no que a educación é unha parte imprescindible, aínda que moitas veces semella que non turramos por ela o suficiente.

Esa é a gran noticia do día. Nin a resistencia dunha ministra a dimitir, nin o novo paso cara o baleiro de Cataluña, nin o resultado da selección española de fútbol, ou as infantís liortas dos nosos políticos eludindo as súas responsabilidades tras o accidente de O Marisquiño, este mércores o día vén marcado por esa volta ao colexio que non por repetida é menos agardada.

O definitivo remate do ritmo pausado do verán tradúcese nunha mobilización de nenos e pais que activa a faciana das nosas vilas en momentos puntuais da xornada. Un rebumbio que pon aos nosos nenos ante unha xornada especial e chea de nervios, o que se multiplica de xeito exponencial cando se trata da súa estrea. Sempre é este un día especial, emocións que se traducen en bágoas dalgúns, pero tamén en responsabilidades de pais e profesores ante un dos nosos maiores retos como sociedade, o de concederlle aos nosos fillos e fillas a mellor educación posible. Unha tarefa que nunca debemos esquecer parte do fogar, a primeira aula, pero que ten o complemento perfecto nos profesionais da educación que adican moitas horas e ata unha vida enteira a encher de coñecementos e actitudes aos nosos pequechos. Nunca cansará un de gabar ese traballo de mestres e mestras, de educadores que, dende calquera nivel da ensinanza, dan o mellor de si polos nosos. Un impagable labor que demasiadas veces non é recoñecido por uns pais cada vez máis metidos a mestres e, polo tanto, errados no seu papel de pais, tanto que, non poucas veces, se senten na necesidade de corrixir ou poñer en dúbida ao propio profesor fronte aos seus fillos.

Tampouco debemos renunciar nunca a pedir os maiores recursos posibles para dotar a esa educación das mellores ferramentas para manexar un material tan sensible como as cabeciñas dos nosos nenos e nenas. Calquera goberno, autonómico ou estatal, e da cor que sexa, non tería xamais que deixar de aumentar o gasto adicado á educación, xunto á sanidade, os dous grandes piares de calquera sociedade que se teña como unha sociedade desenvolvida e que afronte como fin último o de mellorar ao cidadán.

En Galicia, ademais, temos outro tesouro que sumar á educación dos nosos fillos, unha lingua de máis, unha beizón que nos diferencia e nos fai, si, porque non dicilo, mellores que noutros lugares que non teñen esa posibilidade de manexar tantas linguas. É, polo tanto, outra obriga do noso sistema educativo co galego teña o maior espazo posible dentro da programación curricular.

Cando soen este mércores os espertadores de moitos fogares activarase toda unha loxística que reforza o noso compromiso común coa educación. Un compromiso que é dende o que esta sociedade ten que avanzar de xeito cada vez máis firme para sentirse orgullosa dos seus colexios, institutos, universidades e dos seus profesores e profesoras. Eles son os verdadeiros espertadores dunha sociedade que demasiadas veces amosa a súa exasperante somnolencia.

Espertadores
Comentarios