Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

O sabor da dúbida

Envolto nun mar de dúbidas, Alberto Núñez Feijóo definiu o seu futuro en clave galega, afastándose do 'guerracivilismo' de Génova

Alberto Núñez Feijóo na súa comparecencia do pasado luns. PEPE FERRÍN (AGN)
Alberto Núñez Feijóo na súa comparecencia do pasado luns. PEPE FERRÍN (AGN)

A QUE sabe a dúbida? Un dos que mellor pode responder a esa pregunta nos últimos días é o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Navegou por ela nas últimas semanas entre ventos furacanados que empurraban porque desembarcase en Génova a pacificar as diferentes tribos do partido que xa están tomando posicións nas trincheiras. Un guerracivilismo que xa se empeza a albiscar cruento e ao que non está afeito o Partido Popular, pero ninguén dixo que a democracia fose sinxela.

Esa dúbida semellou medrar ao longo das semanas. Eu mesmo, cunha cea perdida pola decisión do líder popular, penso que tiña máis que claro hai uns meses ou incluso uns anos atrás que a súa chegada a Madrid era o seu destino inexorábel ou, dito noutras palabras, era inevitable que Alberto Núñez Feijóo fose presidente do Partido Popular a nivel nacional. Pero o PP destas últimas semanas non ten nada que ver co que se movía fachendoso e seguro de si mesmo sobre a moqueta do poder. A perda deste, a chegada duns ministros que semellan compoñer un Goberno socialista cun futuro que o poida consolidar, o abafante peso da corrupción, con moitos casos xudiciais aínda por decidirse, e os temidos dossiers nos caixóns, dos que tanto se fala, presentan un escenario que agota con só pensar en sentarse ante el.

As dúbidas de Feijóo, ante ese territorio cheo de minas, tan necesarias para todo ser humano para entenderse a un mesmo, abofé que levedaron nas derradeiras horas. Chamadas alí e acá e unha paisaxe nada alentadora para tentar unha campaña con moitas inseguridades. "A dúbida é a certeza de non estar seguro", dixo o autor do Libro do Desasosego, Fernando Pessoa. Nestes últimos días Alberto Núñez Feijóo podería tamén escribir o seu libro do desasosego interior. Un tinteiro cheo de dúbidas co que escribir un futuro en Madrid ou en Compostela. O valor da dúbida medra en función do que se atopa detrás da súa conclusión. Unha resposta que pode marcar o futuro non só dun mesmo, senón de todo un país. Un quere pensar a Feijóo esta fin de semana pasada como Hamlet movéndose dun lado ao outro dunha habitación musitando ese "Ser ou non ser. Esa é a cuestión". Certo é que se un pon nunha man Galicia e na outra o que se adiviña en Madrid a dúbida despéxase ben pronto. Pero as arelas dos políticos, por suposto léxitimas, e en boa parte esencia do seu oficio de xestión pública, tenden a distorsionar as cousas, a presentar equívocos e a facer que esas dúbidas se impoñan ás decisións que un deba tomar.

Cada vez que Alberto Núñez Feijóo bebía un grolo de auga na súa aparición pública para dar a coñecer a súa decisión, semellaba saborear unhas dúbidas que esvaraban polo seu interior desfacéndose pouco a pouco. Unha emoción difícil de conter, as obrigadas palabras do compromiso con Galicia e os galegos e un fermoso céspede no que florecían os aplausos dos seus deixábanlle claro cal era o seu lugar: a idílica Galicia, á que lle ten tomada a medida, o que os modernos chaman a súa zona de confort, e á que as dúbidas non foron quen de mudala polos abismos do descoñecido. O ser ou non ser, o ir ou non ir, queda para unha mellor ocasión, que xa sabemos que os vieiros da política son inescrutábeis, e se non que llo digan a Mariano Rajoy. Alberto Núñez Feijóo liberouse das dúbidas e seguramente hoxe será un político diferente do que o era nese preciso intre en que todos poñían nel a súa mirada. Xa o afirmou o escritor portugués: "Nada, salvo o instante, me coñece".

O sabor da dúbida
Comentarios