Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

O sorriso de Daniel

A marabillosa restauración do Pórtico da Gloria, entre as moitas cousas que nos descobre, déixanos un inspirador sorriso

O profeta Daniel sorrí entre Xeremías e Isaías. AEP
O profeta Daniel sorrí entre Xeremías e Isaías. AEP

SE A VISIÓN do Pórtico da Gloria é sempre motivo de abraio e emoción, achegarse a el despois do incríbel proceso de restauración feito ao longo dos últimos dez anos convértese nunha obriga para o goce de calquera persoa. Foi un deses investimentos que se fan para a recuperación do noso patrimonio e un traballo feito cun primor que ten que ser recoñecido por todos nós como algo máis que un simple traballo. Estamos afeitos nos últimos tempos a ver restauracións calamitosas que mutilan o noso patrimonio, por iso, cando un ve un resultado así entende da necesidade de xerar bos profesionais neste tipo de disciplinas, así como da obriga de investir neste tipo de traballos, algo que só reporta beneficios á sociedade. O apoio das institucións ao Programa Catedral de Santiago e o investimento da Fundación Barrié de la Maza a este longo proxecto merece un forte aplauso da sociedade galega, que recupera a que pode ser a nosa maior obra artística. A obra que o Mestre Mateo asinou en 1188 como Magistrum e que agora se presenta ante nós da mellor maneira posíbel e o máis próxima a como se concibiu na súa orixe, na que a cor tiña unha grande importancia e que permite que descubramos elementos que polo paso do tempo e a degradación eran moi complicados de albiscar. Un deses elementos son os xestos dos protagonistas do Pórtico, figuras que acadaron unha humanidade que non ten comparación na súa época e que fala do talento do artista para xerar unhas esculturas nas que se contén unha intensa carga de vida. Eses xestos ou a arriscada colocación das figuras pegadas a esas columnas, algo moi do estilo francés pero pouco visto por esta xeografía, e evitando a frontalidade, o que facilita a conexión entre elas non aparecendo como figuras solitarias nun amplo conxunto iconográfico, é o que lle concede a este monumental acceso á catedral a súa condición de espazo singular e que permite unha conexión co público moi difícil de atopar noutros recintos similares, incluso de épocas posteriores, presuntamente máis evolucionadas no artístico.

Non hai máis que fixarse nese sorriso do profeta Daniel, situado entre Xeremías e Isaías, para entender a arte Románica como unha arte luminosa, afastada desa concepción escura que se ten do mundo medieval, afortunadamente cada vez menos defendida. Un sorriso pillabán, que só ten comparación en inspiración artística para o espectador no da propia Gioconda, e que ten a súa explicación na presenza fronte a Daniel da voluptuosa Esther, nunha chiscadela do artista. Pensar neste Pórtico acabado de facer, cheo de cores, é algo que estremece hoxe, ao imaxinar a fortísima impresión que lle produciría a quen se achegase a el. Realmente era o acceso á Gloria, a ese Cristo maxestuoso que nos dá a benvida, xunto aos Evanxelistas e os Apóstolos, entre o Antigo e o Novo Testamento. Entre a fonda espiritualidade e a humanidade que destilan estas esculturas que agora son un canto á nosa vida, tanta que ata hai unha empanada entre elas. Esas meixelas coloradas, as faccións dos rostros, as poses, ata os cabelos dun fondo realismo, con eses ‘carocois’ típicos dos cabelos do círculo do Mestre Mateo, emerxen agora cunha forza que por moito que un teña estudado este espazo non deixa de estremecer.

Xa só queda agardar ata o día 27 deste mes, cando todos poderemos acceder a el. Será cando sintamos tremer as pernas ante o que é capaz de facer o ser humano. Un, na súa orixe, case que 900 anos atrás, ideándoo e creando unha obra única; e outro, hoxe, respectándoo e poñéndoo en valor para todos nós, para que sigamos enfrontándonos ao sorriso de Daniel por moitos anos máis.

O sorriso de Daniel
Comentarios