Blog | Ventureiras

A verdade

O trapeiro Kaydy Cain, que compón cancións con letras como "es amor de verdad aunque cuando lo hacemos la haga llorar". DP
photo_camera O trapeiro Kaydy Cain, que compón cancións con letras como "es amor de verdad aunque cuando lo hacemos la haga llorar". DP

AS LETRAS de Kaydy Cain, un trapeiro ao que moitas coñecemos hai só uns días a raíz da polémica polos seus concertos en Mos e Santiago, poderían ser unha anécdota sen importancia. Daquela poderíamos ser esaxeradas e tolas –moito presta chamar tola a unha muller cabreada– e ver pantasmas onde non as hai. Pero non, a realidade é ben diferente.

A verdade obxectiva é que esta fin de semana temos de xira por salas como a Capitol de Santiago de Compostela ou a Queen de Mos a un trapeiro que nas súas letras solta perlas como "si te llamo puta en verdad es una virtud", "si te la chupa y no le dan arcadas es porque no se está esforzando nada", "tengo una zorra que llamo perra porque cuando me ve se alegra" ou "es amor de verdad aunque cuando lo hacemos la haga llorar". Isto nunha procura superficial de dez minutos na rede. Imaxinen o que se atoparía nunha investigación máis a fondo.

Tamén é certo que os plenos dos concellos nos que se ubican as mencionadas salas amosaron o seu rexeitamento á presenza de Kaydy Cain nos seus municipios (agás o grupo Popular de Santiago de Compostela) e que as agrupacións feministas, como o Colectivo Feminista de Pontevedra ou Tamborililás, amosaron nas redes e mediante comunicados remitidos á prensa a súa repulsa ás letras do trapeiro. Onde queda todo o traballo de colectivos e institucións a prol da igualdade se logo un señor que di que "es amor de verdad aunque cuando lo hacemos la haga llorar" ten as portas abertas para actuar nunha sala de concertos? Que foi dos lemas as rúas de noite tamén son nosas? Que hai dos lazos violetas, do sexo consentido e desexado, das relacións non tóxicas, das festas onde eu decido e ti respectas?, pregúntanse as feministas estes días.

Detrás das letras de Kaydy Cain hai unha realidade que as soporta

Tan reais como a presenza de Kaydy Cain en Galicia estes días son as noticias que aparecían onte en calquera xornal. Basta abrir un periódico, escoitar a radio ou ver o telexornal para saber que as letras do trapeiro non son unha anécdota. "Atopan morta nun trasteiro a unha menor de Murcia que levaba un día desaparecida. A Garda Civil detivo a un varón de 19 anos como posible autor do homicidio". "O xuízo por abuso sexual en Gran Hermano aprázase por enfermidade da vítima. A exconcursante sofre problemas psiquiátricos graves". "Investigan a un profesor da provincia de Ourense por abuso sexual a unha estudante menor de idade". Son só tres titulares e subtítulos, todos aparecidos na prensa de onte, que demostran que detrás das letras de Kaydy Cain hai unha realidade material real e palpable que as soporta. Segue habendo moitos homes que, malia os lazos lilas e os lemas de cada 25 de novembro, consideran prácticas pracenteiras "subirte en mi moto y romperte el toto" ou que "cuando lo hacemos la haga llorar". Mesmo existen varóns que non saben diferenciar sexo de violación influenciados por unha idea da sexualidade misóxina e violenta que aprenderon dende a máis tenra nenez a través da inestimable axuda da pornografía. Iso tamén é real.

Outra verdade é que as salas que acollen o espectáculo deféndense das acusacións aludindo a aquilo de que se limitan a facer o seu traballo e que a liberdade de expresión é sagrada para elas. Tamén dixeron que non se pode criminalizar aos que lles gustan as letras do autor nas que fala de violar mulleres. Será que violar non é un crime.

O autor de semellantes versos, que trata de defenderse dicindo que estamos malinterpretando as súas letras (estamos tolas, non lles dicía?) sentenciaba tamén e para sorpresa de todas que "el machismo es una lacra".

E si, esa tamén é outra verdade. Como unha casa.

Comentarios