Blog | Ventureiras

Bulla

QUERÍA escribir un artigo sobre os problemas do transporte público, contar que no verán se reduciron as liñas de autobús, que ducias de traballadores que se moven neste medio entre Pontevedra e Vigo quedan a diario sen praza porque non hai liñas suficientes, que a alternativa do tren triplica o prezo do billete do autobús. Quería dicir tamén que estas queixas non son nada se as comparamos coas que pode ter calquera usuaria que viva no rural, que as frecuencias son escasas e os prezos desorbitados.

Eu quería queixarme, pero o que me resultou máis chamativo deste caos foi a reacción da xente. Porque a indignación que unha sente cando queda tirada na parada agardando unha hora pola seguinte liña para volver á casa é moita, pero non por iso tiña que canalizarse cara á persoa que conduce o bus. Non sei se me producen máis indignación os atrasos e a desorde dun servizo que non está á altura –de seguro que por aforrar e darlle máis marxe de beneficio aos de sempre- ou a xente que se fixa no dedo no canto de mirar á lúa, os que non recoñecen o seu mesmo cansanzo no xesto do chófer, os que se equivocan de inimigo e machacan ao condutor que marcha ao paro nuns días porque remata o curso escolar mentres os seus compañeiros fan horas extra para cubrir os servizos. Os que viven montando bulla sen saberen nunca cara a onde apuntar, aínda que semelle ben fácil.

Comentarios