Blog | Ventureiras

Galifornia

ANTES de saltar as cacharelas de San Xoán estreamos xa o ventilador coa primeira vaga de calor do verán nas Rías Baixas. Malia que para o presidente da Xunta o factor que poñía este lugar no mapa fose a presenza dun monarca corrupto, a realidade é que Galicia será neste meses polo de atracción turística por moitos outros motivos.

A súa cultura, as súas praias, a gastronomía, as paisaxes ou as festas son só algúns dos puntos a favor deste destino. E como presta un xantar na Lanzada ou facer unha foto dun solpor en calquera praia orientada cara ao oeste para subir ao Instagram. Como nos gusta o sol, o marisco, as verbenas, as orquestras, o monte, a natureza. Galifornia. O bo camiño. Paraíso natural. Pero logo chegas a Compostela e un negocio só pode sobrevivir reconverténdose en bar con menú peregrino ou tenda de souvenirs porque o turismo dinamiza tanto que abafa a vida da cidade.

Aparta as librarías, as froiterías, as academias e as rutinas do seu centro para convertelo nun parque temático sen personalidade. E logo un éxodo de traballadores do interior buscan desesperados un piso por menos de 1.000 euros á semana en Sanxenxo para traballar na hostalaría polo salario mínimo. E logo non hai médicos suficientes para atender as vilas turísticas que multiplican a súa poboación no verán porque estudar medicina xa non é garante de estabilidade, nin de salarios decentes, nin de xornadas laborais razoables. Feliz verán e welcome to Galifornia.

Comentarios