Blog | Ventureiras

Impostos

HAI UNHA semana a voz dun ancián resoaba nas radios, nas televisións e nas conciencias. Falaba da desatención que padecían as persoas maiores residentes nun centro da terceira idade de Madrid e apelaba á responsabilidade das institucións que abandonan ás persoas máis vulnerables.

O discurso soaba como esa voz que nos recorda que non deberiamos durmir tranquilas: "Traballamos moito, vostedes deberían sabelo porque hoxe gozan de privilexios que nós pelexamos, non para nós, senón para vostedes".

Que os criterios económicos sexan máis importantes que as persoas é algo que non debería sorprendernos cando quen xestiona é unha empresa privada. Mario Turégano, que así se chamaba o ancián, non contaba nada novo. Soubémolo durante a pandemia e tamén despois polas queixas das traballadoras que non dan abasto e das familias, que tampouco. Neste ano, por exemplo, a Asociación Galega de Familiares e Usuarios de Residencias difundía imaxes que probaban o maltrato por abandono nunha residencia de Fornelos de Montes.

O eco de Turégano resoou durante unhas horas, semellaba que por fin asumiríamos como unha prioridade solucionar o grande problema dos coidados. Pero, como pasa sempre, a preocupación durounos pouco. Unha semana despois, o tema de actualidade non é outro que unha competencia por ver quen paga menos impostos. Eses cos que, precisamente, se financia a atención á dependencia.

Comentarios