Blog | Ventureiras

Shakira

Disque anda Shakira chorando polas esquinas pola fin da súa relación con Piqué. Mentres el atende un novo amor (ou varios), as noticias relacionadas coa diva colombiana refírense a crises de ansiedade e súplicas para volver. 

O estereotipo da exmoza co corazón roto repítese outra vez, queridas, mesmo encarnado nunha muller poderosa, con cartos e fama abondo, cun corpo que encaixa á perfección nos canons que se nos impoñen. E é probable que Shakira estea a pasalo mal malia que o Piqué non mereza nin os panos de papel nos que achica as bágoas, porque para iso nos educan, para dar cun príncipe azul e vivir á súa sombra. Calquera de nós estivo aí, aferrada a unha relación que nos facía máis mal que ben. 

Tamén se di que Shakira estaba deprimida, que non era a de antes, e iso fixo que Piqué tivese que buscar fóra o que non lle daban na casa. Ese segue a ser o discurso que determina as relacións heterosexuais. Estar sempre ben para eles, sempre felices para eles, sempre guapas para eles, querernos a nós mesmas, pero tamén para eles. Como se quen non se quere a si mesma non merecese o amor e o coidado de alguén. Shakira descubrirá que é máis feliz sen Piqué, como as viúvas que recuperan vitalidade cando se despiden dos maridos para os que traballaron toda a vida, submisas. 

Pero a ruptura do futbolista e a cantante terá máis cousas boas, porque virá nutrir o reguetón misándrico das decepcións, para perrear con gusto o desamor e bailalo sentíndoo moito por quen non nos merece.

Comentarios