Blog | Ventureiras

Violencias

A loita contra a violencia machista ocupa nestes días previos ao 25N páxinas nos xornais, algo que xa é un logro tendo en conta o tratamento que se lle daba hai só uns anos. Porén, esa visibilización dun problema que nos afecta no noso día a día queda demasiadas veces nun discurso que encaixa nun perfil moi determinado de vítima: a que é agredida fisicamente pola súa parella. Repítense nos medios de comunicación testemuños de mulleres que explican situacións terribles de maltrato, con violencia física, verbal, económica e vicaria. Con ingresos hospitalarios e tundas que aderezan as crónicas de sensacionalismo.

Son casos reais, que existen e cómpre denunciar con toda a súa crueza porque representan algunhas das manifestacións máis extremas da violencia machista. Pero falta detectar o inicio, os detalles que son tamén violencia e que nos afectan a todas. Ese compañeiro de traballo que xulga o teu físico. Ese parente ou amigo que considera simpático tocarche os peitos sendo nena para ver se medraron. Ese amigo que cre que ten dereito a tocarche o cu nun local de copas poñéndote nunha situación incómoda. Ese descoñecido que che berra pola rúa que tes un polvo.

Ese noivo insistente –violador– que te viola aínda que penses que só estás accedendo a ter relacións sexuais sen ganas, que se preocupa porque levas unha saia moi curta aínda que creas que te quere con loucura e só ten medo a perderte.

Comentarios