Blog | Ventureiras

850 euros non nos chegan

Oficina del Inem en la calle Eduardo Pondal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Oficina del Inem en la calle Eduardo Pondal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Pablo Casado parécelle que cobrar 900 euros ao mes é un ‘despilfarro’. Dende logo, moito vicio ten a xente que traballa. El, que sabe de administrar salarios pequenos, considera que con 850 ben nos chega para comer, pagar a vivenda, asumir as facturas, ter moitos fillos e desexar con intensidade todas as noites a unidade de España, que é o que lle importa á xente.

O líder ‘popular’ insinuou onte nunha entrevista que, se goberna, baixará o Salario Mínimo Interprofesional a 850 euros. Unha medida que de seguro lle dará moitos votos, porque dende que non se pode cobrar menos de 900 euros está a cidadanía sen saber que facer con tanto carto. Só tardou unhas horas en recuar.

Aos políticos gústalles dicir que traballan polo emprego. Cada un pretende convencernos de que con unha ou outra medida o problema do paro desaparecerá. Nesta tormenta de ideas (ás veces moi tolas) na que se acaban convertendo todas as campañas electorais hai quen propón que se cobramos moi pouquiño e repartimos a miseria entre todos poderemos ser felices e precarios traballadores e os niveis de desemprego baixarán. Pode ser pero, é iso o que queremos?

Cobrar 850 euros non debería ser a alternativa ao paro

Esta semana fíxose viral o vídeo dun mozo que se facía pasar polo seu pai, de 59 anos, con tres carreiras universitarias, outros tantos másteres e no paro. Na curta o rapaz acode a unha entrevista de traballo e, ao preguntarlle o entrevistador como é el o que busca emprego e non as empresas as que o buscan a el, aparece o rostro do pai, que contesta: «porque teño 59 anos». A nivel narrativo e como final inesperado queda moi ben, pero a realidade é que son poucas as persoas ás que as empresas van buscar á casa, porque hai milleiros de mozos e mozas sobradamente preparados que están na mesma situación que ese señor de 59 anos.

Atopar traballo despois dos 50 convértese nunha misión case imposible. O paro de longa duración é unha realidade entre quen perdeu o seu emprego durante a crise e non é quen de recuperar a normalidade por moito que lle falen de recuperación. Ademais, a situación precaria destas persoas dificulta que poidan cobrar unha pensión de xubilación que se adecúe ao salario que cobraron no resto da súa vida laboral. Parece ser que chega unha idade na que un só se pode adicar a coidar dos netos (gratis, por suposto).

Pero, como van ter netos se a xente máis nova tampouco ten a seguridade económica para ter fillos? Nas capas máis mozas da poboación a situación é semellante, coa segunda taxa de paro xuvenil máis alta de Europa. Pero ademais do problema estrutural que supón o desemprego, hai que engadir o do emprego precario. Traballar doce horas para cobrar 850 euros non debería ser a alternativa ao paro.

Os tópicos afectan por arriba e por abaixo. Ligar a imaxe das persoas de máis de 50 anos á idea da decrepitude é renunciar á experiencia que poden achegar os traballadores máis veteranos. Pero asociar xuventude con inexperiencia tamén nega a posibilidade de introducir novas ideas e dinámicas que non poden ser alleas ao funcionamento das empresas para que estas estean en consonancia coa sociedade.

O ideal do traballador (moitas veces home) de 40 anos, exitoso e con poder adquisitivo non debería ser o modelo para as empresas. Por iso, o paro combátese con políticas de inserción laboral de mozos e de veteranos, non empobrecendo aos traballadores con salarios que non chegan nin para pipas. E unha nómina de 900 euros ao mes non dá para moito aperitivo, menos aínda se é de 850.

Comentarios