Blog | Ventureiras

A liberdade que nos pete

Imos camiño do 25 de novembro, o día no que recordamos que ás mulleres nos están matando, e todo son eslogans nos que disque non estamos soas

Foto de archivo en contra de la violencia machista. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O vindeiro domingo celébrase o Día Internacional de Loita Contra a Violencia Machista. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

É UN recordo habitual que adoita aparecer nos reencontros xeracionais. As anécdotas do instituto, as primeiras saídas nocturnas, os primeiros mozos. O pasado domingo, á hora do café, volvín rir lembrando aqueles rapaces portugueses que durante o verán de primeiro de Bacharelato cruzaban a raia cada fin de semana nun coche sen carné para visitarnos a min e ás miñas amigas e refregarnos mentres soaba ‘My hips don’t lie’ de Shakira e outros hits da tempada. Cada un deles con máis cadeas douradas arredor do pescozo que o anterior e todos cun aquel de galán cutre. Xa saben, se non podemos bailar non é a nosa revolución. 

O que por aquel entón era mozo da nosa amiga Ana (nome falso) adoitaba chamarlle a aquel comportamento ‘zorrear’. Era raro porque sempre se amosara como unha persoa agradable, con coche, que nunca bebía alcohol e sempre estaba disposto a achegarnos á casa despois dunha noite de festa. Porén, aquel rapaz tiña o estraño costume de molestarse se o pasabamos ben. Sobre todo se a súa parella o pasaba ben. Chegou un día no que Ana deixou de poñer vestidos porque Charli, así se chamaba o individuo, sufría se os demais podían ver as súas fermosas pernas. Faláralle de traumas, de inseguridades absurdas, e ela, comprensiva, cedera a agochar as pernas para que só as vise o moina do seu mozo. 

Pégannos por putas, viólannos porque, no fondo, gústanos

Lonxe de sorprendernos, parecíanos fermoso ese sacrificio de amor que a nosa amiga facía por aquel pobre rapaz que tiña tanto medo de perdela. Ata que un día lle cuspiu na cara. Fora a principios de agosto no medio dunha verbena na que se cabreou pola enésima parvada da noite e, tras arrastrala ata unha esquina e berrarlle o puta que era, botoulle un lapo na cara antes de empurrala e tirala ao chan. Ela aguantou a situación durante meses. Superada polas circunstancias, escusábao e recordábanos todos os problemas nos que el se desculpaba. Illouna de todas nós e, por sorte, cando se aburriu, deixouna. 

Imos camiño do 25 de novembro, o día no que recordamos que ás mulleres nos están matando, e todo son eslogans nos que disque non estamos soas. Porén, o certo é que, soas ou acompañadas, as adolescentes de hoxe seguen sen recoñecer a violencia machista nas súas expresións máis sutís. O mesmo domingo no que recordaba anécdotas da miña adolescencia nos albores do ‘twerking’, Jordi Évole falaba en ‘Salvados’ con raparigas que confesaban pasar medo durante as relacións sexuais con mozos da súa idade que reflectían os patróns aprendidos no porno. O sexo tamén é territorio hostil. Segundo a sexualidade patriarcal quen cala outorga, aínda que dicir non mentres te penetran á vez que che apretan o pescozo non debe de ser nada doado. Semella que tamén neste caso as mozas son responsables da conduta das súas parellas. Pégannos por putas, viólannos porque, no fondo, gústanos.

A cuestión é que temos medo e temos razóns para telo. Mentres os homes sexan educados para gozar someténdonos, para exercer un papel de poder sobre nós ou para entender unha parella como unha posesión, serán un perigo. É traballo deles aprender que, máis alá do consentimento, está a empatía. Vendéronnos a liberdade sexual como a nosa redención, o camiño cara o goce do noso corpo, pero está a converterse nunha premisa para que os homes fagan connosco o que a eles lles apeteza. De novo, outra modalidade máis de violencia. Non nos enganemos, a liberdade sexual é facermos o que nos pete, xa sexa bailar reguetón ou practicar sado. Pero só se nos peta.

Comentarios