Blog | Ventureiras

A urxencia de conciliar

Corremos dun lado a outro para traballar, atender á familia e aos amigos, non esquecernos de renovar o seguro do coche e da casa, comprar leite porque só queda un cartón no frigorífico e poñer unha lavadora a última hora para deixar a roupa a secar pola noite cando xa non nos queda nin un par de calcetíns limpos. Apenas temos tempo de respirar e por iso as fins de semana as pasamos cansas, tiradas no sofá, limpando e aprazando plans emocionantes ou citas pendentes dende hai meses (ou anos) con amigas.

O da conciliación vai camiño de converterse nun conto xa vello sen que o vexamos feito realidade. Ademais, eu non creo que conciliar sexa saír media hora do choio para recoller ao neno na actividade extraescolar que toque e levalo ata a casa da avoa para que teña conta del. Conciliar é, necesariamente, traballar menos.

Tárdase menos botando o lixo no mesmo saco que separándoo

Nesta batalla contra o reloxo, as empresas esméranse porque lles adiquemos o noso tempo, unhas horas e minutos que lles quitamos ás nosas vidas. Pero non só ás nosas. A tarefa de coidar non é exclusiva das nais, malia que cando se fale de conciliación se pense exclusivamente en mulleres con fillos. As que non temos prole merecemos tamén tempo, ao igual que os homes que son pais e os demais varóns sen descendencia. A cuestión é que todos temos familia ou amigos que nos necesitan. De feito, nós mesmos nos necesitamos.

No tempo no que o planeta reclama que o coidemos máis con temperaturas inauditas, niveis de gases na atmosfera asfixiantes e cantidades plástico nos océanos que asustan, teríamos que pensar tamén na responsabilidade que temos de coidar a terra. E tamén para iso precisamos tempo, outro ritmo. Compostar, reciclar e reutilizar require que nos paremos a facelo. É urxente cambiar o ritmo para termos tempo de atender ao importante. Tárdase menos en botar todo o lixo no mesmo saco que separando, colocando os restos orgánicos nun caldeiro e baixándoo ao final do día ao composteiro do barrio.

Non é o mesmo acudir a unha grande superficie e resolver a compra semanal nunha hora que adicar varias á semana a percorrer froiteirías, peixarías ou carnizarías nas que mercar produtos de proximidade. É obvio que ás veces, tras oito (ou máis) horas de traballo, o que menos apetece é poñerse a percorrer establecementos para consumir produtos de proximidade. É comprensible resolver unha cea cunha pizza precociñada que só hai que meter no forno, pero é por iso que temos que pararnos a pensar o necesario que é o tempo. Cambiar de forma de vida e adaptarnos á slow city que habitamos. Porque o tempo tamén é preciso para ir aos sitios a pé e gozar dos paseos no canto de percorrer en coche os 500 metros que nos separan do súper e emitir CO2 para chegar antes.

Quizais rexistrar as horas que adicamos aos nosos traballos sexa un primeiro paso para decatarnos de que, máis alá das laborais, existen outras responsabilidades ás que non lles estamos adicando a atención necesaria. É tarefa de empresas, partidos políticos e sindicatos ser responsables para que todos poidamos conciliar. Dende o xefe que esixe máis traballo do que dá tempo a facer nunha xornada ao político que convoca roldas de prensa a deshora.

Hai que rachar cun modelo de traballo que segue a absorber vidas nos tempos das novas tecnoloxías que substitúen a man de obra e que debería servir para gañar en calidade de vida. Traballar menos non é unha medida radical, senón necesaria. Para coidar e para coidármonos, tamén ao planeta.

Comentarios