martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

Aprender de Marga

Marga Dopico. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Marga Dopico. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Da brutalidade de toda a historia de Marga Dopico estreméceme especialmente imaxinala nun corredor dun hospital, agardando a que lle receiten unha pastilla para cortar a produción de leite, a noite na que o seu exmarido asasinou ao seu bebe. Quen pode entender o que pasa na cabeza dunha muller que está pasando por unha situación tan dura? Como chegar a imaxinar a dor paralizante de quen ve arrebatada cruelmente unha parte de si mesma a mans da persoa que un día amou, na que un día confiou para dar vida xuntos a unha persoa?

Marga Dopico tivo a enorme valentía de falar en público hai unhas semanas sobre como a xustiza a culpa agora, nove anos despois do asasinato, de non ter alertado suficientemente do risco que corría o seu fillo nas tres ocasións nas que acudiu a un cuartel da Guardia Civil. Marga explicábase serea e eu non puiden evitar sentir pánico de falar da súa dor porque sei que entendela é imposible. Imaxino a Marga lendo nos xornais a noticia daquel crime que non lle era alleo, ou quizáis evitando ler o que se publicaba sobre aquel neno de 14 meses que era seu fillo e que seu pai asasinou facendo estoupar unha bombona de butano unha tarde de outubro en Paderne. Que escribir para non facer máis dano? Como reparar esa dor?

Curar as feridas de Marga, unha das protagonistas do libro Invisibles, de Montse Fajardo, é tarefa dos psicólogos que, en traxedias coma esta, deben traballar desde o principio coas vítimas. Non foi así no caso desta muller de Betanzos que, na noite do asasinato, a única atención médica que recibiu foi para cortar o leite. O seu caso é unha acumulación de despropósitos que, de vivir atentos e conscientes de como funciona a violencia machista, non terían que producirse. Por iso hai que aprender de Marga, da súa valentía, das súas peticións e da entereza coa que as fai.

Marga tardou dous anos en denunciar ao axente da Guardia Civil que a atendeu no día do asasinato ata tres veces, cando ela se achegou para alertar de que o seu exmarido estaba realizando ameazas relacionadas coa integridade do seu fillo. Levou ante a xustiza a situación de desamparo na que se sentira durante aquel día, no que a Guardia Civil non tomou medidas para protexer ao menor ata que os sinais de que seu ex ía asasinar ao pequeno eran xa evidentes, cando era xa demasiado tarde. Agora a xustiza absolve ao axente que a atendeu e revitimiza a Marga. Non berrou o suficiente, non alertou coa vehemencia axeitada, por iso os corpos de seguridade non fixeron nada, di o xuíz. Cantos son entón os decibelios que hai que empregar para que che fagan caso? Cales son os adxectivos que cómpre usar para que te crean? Como hai que formular unha alerta para ser tida en conta? Non temos dereito á parálise, ao medo, ao shock?

Dicir que a xustiza que dita este tipo de sentencias é patriarcal é unha verdade que non se pode rebater de xeito ningún. Asegurar que Marga é tamén vítima da xustiza, ademais de selo da maldade do seu exmarido e dun mundo machista, é unha certeza. Casos coma este deben facernos pensar cal é o camiño a seguir para corrixir todas estas situacións. Quizais é hora de que a lei recolla que un maltratador nunca vai ser un bo pai ou que cando unha muller acode ás forzas de seguridade alertando dun posible caso de violencia hai que crela sempre e poñer en marcha un protocolo para previr o que poida ocorrer. Todo isto estánolo a pedir Marga, que sabe moi ben do que fala. Quitarlle a razón é perverso.

Aprender de Marga
Comentarios