domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

Cousas de nenos

DICÍA UNHA muller de idade, nun debate público no que trataba de desacreditar o discurso dunha compañeira, que non lle daba demasiada importancia ao que dicía porque era simplemente unha nena. Sempre nos acostumaron a ter en conta aos nosos maiores, a considerar que a etapa adulta é a da sensatez, a da razón e a sabedoría. Aínda que tampoco cómpre pasarse, porque despois dos 50 todos nos poñemos un pouco chochos, sobre todo as mulleres. xa saben, a menopausia e esas cousas.

Nun recuncho do xardín brillaron dous lucecús todo este verán

A cuestión é que novos e vellos están a dar estes días leccións a quen tradicionalmente ten ostentado a razón e a verdade. É ben curioso que sexa unha nena a que tira das orellas a líderes mundiais e que sexan as novas xeración as que, dende escolas e institutos, nos alertan da emerxencia climática. É sabido que para unha xeración, a seguinte sempre será peor. Os da miña indignámonos coa música e a forma de vestir dos que veñen detrás, espantámonos co trap e co aplomo que nos dan as primeiras ruzas –esa marabillosa expresión que a xente de idade que coñezo utiliza para referirse ás canas– falamos das bondades do indie. A xuventude está perdida, vive aparvada polo móbil e blablablá, pero esa mesma mocidade é a que sae nas súas vacacións a limpar arenais de plásticos e nos alerta dun futuro fatal. O mesmo dicían dos que se manifestaron aquel 15M de 2011 e logo chegaron a cambiar o panorama político.

Entre os recordos da miña nenez máis temperá hai unhas flores brancas e amarelas que decoraban as cunetas no camiño cara á escola. O cheiro a aldea viva que inundaba as noites de verán. As tardes de xogo ao sol coas veciñas mentres as bolboretas bulían arredor de nós semellando que en calquera momento poderían acariñarnos o nariz ou as meixelas coas súas ás. As abellas que picaban na palma da man ao recoller froita na pereira da avoa –agora substituídas por velutinas– e os lucecús polos balados fachendosos do seu resplandor. A cuestión é que teñen que ser os nenos de hoxe, que aínda non acadaron esa maioría de idade que semella condición sine qua non para poder abrir a boca, os que me recorden que xa nada daquilo existe.

Pasaron tamén a mellor vida os octoxenarios e nonaxenarios cos que compartín xogos naquel tempo. Os que me aprenderon cando pechar unha partida de dominó e, coma min, comían a carne cortada en anacos pequenos porque lles custaba mastigar. Os que sorrían coma nenos ao compartir trasnadas pero levaban no fondo da alma unha ferida aberta por unha violencia que eu non podía nin chegar a imaxinar. Son eles, e os fillos daqueles nonaxenarios agora xa anciáns aos que chamaban pesados por "estar siempre con la guerra del abuelo", os que conseguen unha vitoria histórica para a democracia despois de 44, ou máis ben de 83, anos de loita.

O martes o Tribunal Supremo deu vía libre á exhumación de Franco do Valle dos Caídos e eu non puiden evitar recordar aquelas partidas de dominó. Pensei no importante que é non roubarlle a nenez a ninguén e no necesario que era reparar a biografía daqueles vellos que xa non están. Reflexionei en todo o que me teñen achegado os nenos –e a miña propia infancia– e os vellos para formarme como persoa e, cun sorriso, adiqueille os minutos antes do sono ao meu compañeiro de partidas na nenez. Reparei en que, hai unhas semanas, meus pais contáronme que nun dos recunchos do xardín da casa brillaron dous lucecús todas as noites deste verán. Non me digan que non hai esperanza.

Cousas de nenos
Comentarios
ç